3.335 metros de tubaxe e 129 pozos para sanear o Gafos

61

A UTE Constructora Ediserpo SL-Ogmios Proyectos SL presentou a mellor oferta para acometer a obra de mellora da rede de sumidoiros do río Gafos. Onte reuniuse a mesa de contratación e avaliou as 18 ofertas presentadas e na próxima semana adxudicarase o proxecto, que ten como obxecto incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais de Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanqueidade dos pozos e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.

O concelleiro do Ciclo da Auga, Raimundo González, informou que a UTE Ediserpo- Ogmios fixo unha proposta de 831.116,30 euros, o que supón unha rebaixa do 26,2% respecto ao prezo de licitación, 1.126.174,48 euros.

A UTE asume as dúas posíbeis melloras incorporadas ao proxecto inicial: Cambiar a rede de saneamento dende a estación de autobuses até a avenida de Vigo, por un colector de PVC de 500 mm (valor de licitación, 110.230 euros) e executar un novo colector entre a avenida de Vigo e a rúa Alcalde Hevia (valor, 141.486,14 euros)

A obra supón a retirada do actual tubaxe que hai no río Gafos e a instalación da nova rede pola senda de pescadores e a instalación de pozos estancos, de corpo único, para evitar as filtracións.

Segundo os datos aportados polo concelleiro do Ciclo da Auga estamos a falar da instalación de 3.335 metros lineais de tubaxes: 2.687 metros dende o límite co concello de Vilaboa até a estación de autobuses e 648 metros lineais máis a cargo das melloras, dende a avenida de Vigo até a rúa Alcalde Hevia. Será un colector de PVC de 500 mm fronte aos de 400 de agora.

Polo que respecta aos pozos estancos, o que se fará é substituír os que hai de formigón e anelados por outros de corpo único. Vaise a actuar nun total de 129 pozos.

Raimundo González sinalou que a adxudicación da obra farase na próxima semana e agarda que a tramitación administrativa rematará co mes. Segundo as súas previsións en maio podería comezar a obra que ten un prazo de execución de 9 meses.

A obra está co financiada ao 50% polo Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.