Discurso do 34 Semana Galega de Filosofía

2

Queridas amigas, queridos amigos,

Un pracer participar convosco un ano máis na inauguración deste importante acontecemento cultural da cidade, que nos gusta ver invadida de reflexións, de coñecemento, de miradas ao mundo como as que vós facedes desde o corazón de Pontevedra.

Unha cidade que como sabedes experimentou unha profunda transformación nos últimos anos, movida entre outras cousas, polo motivo que protagoniza o encabezamento desta trixésimo cuarta Semana Galega de Filosofía: a saúde, un concepto ao que como médico e como alcalde sempre me sentín, lóxicamente, vencellado.

Non é preciso aclarar que a saúde vai moito máis aló que a ausencia de enfermidade no corpo dun ser vivo, ainda que visto o estado do mundo, coa avaricia e as ansias de poder campeando fachendosas por tantos lugares, ese concepto primitivo de saúde é aínda só unha meta, un soño para moitas persoas e moitas sociedades.

Aquí, na vella Europa, na veterana e sempre esperanzada Galiza, as coordenadas da saúde pasan por defender a prestación universal e pública dun servizo tantas veces ameazado polos ideólogos liberais.

Persoas que confían pouco na economía pública e queren entregar este importante sector aos negociantes das grandes corporacións que persiguen sen acougo o lucro cesante, os beneficios dunha actividade tan sensible e liberadora.

Pero, máis aló de consultas, de hospitais, de ambulatorios, de loita contra a enfermidade, a saúde é un completo estado de benestar que ten relación con todas as dimensións das persoas.

Coas súas aspiracións, cos seus medos, co seu medio material de vida, coas súas relacións persoais, coa súa educación, coa súa capacidade de integrarse na colectividade dun xeito equilibrado.

Saúde física, espiritual, material, colectiva… un todo integral ao que homes e mulleres debemos aspirar mellorando cada día as condicións que nos arrodean e defendéndonos das ameazas, das trampas impostas por quen condiciona a nosa vida facéndonos partícipes do carrusel consumista e da evolución do capitalismo como auténticos depredadores do medio.

Temos que coidarnos dos perigos que poden convertirnos en seres desleigados, agresivos, individualizados e con patoloxías que nos alonxan da  harmonía e a plena integración social.

Todos eses perigos desta etapa do capitalismo relacionados coas marcas, a imaxe, a moda, o prestixio social, a vida virtual, a violencia, a falta de tolerancia e empatía co descoñecido, a desconsideración por un mesmo ou polo seu país, son auténticas ameazas para unha vida plena e feliz, tanto a nivel social coma persoal.

Permítanme decirlles que en Pontevedra tratamos de superar esas inercias sociais a través dunha profunda modificación das nosas prioridades urbanas. Fomos evoluíndo desde o facilón comportamento conservador da cidade a outro moito máis dinámico e revolucionario, poñendo no centro precisamente os valores da saúde integral das persoas.

Liberamos a nosa paisaxe urbana de moitas amenazas que acobardaban especialmente aos sectores máis febles da sociedade, impedindo un desenvolvemento integral da súa vida individual e social.

Retos iniciais como a accesibilidade universal do espazo público, que aquí completamos hai xa algúns anos, fóron sucedéndose con outros como a radical minorización da violencia vial, a promoción do transporte urbano natural (a pé e en bici), a ausencia de contaminación do aire e acústica, o desenvolvemento da economía terciaria e de proximidade, o uso racional do automóbil ou a consideración da cultura e o deporte como prioritarios xeitos de cohesión e integración.

Así concebimos o benestar. A cidade feliz, capaz de brilar con luz propia grazas ao agarimo e o respecto que veciñas e veciños teñen por sí mesmos e polos demáis. A cidade saudábel que se considera un marco axeitado para o desenvolvemento da persoa en todas as súas dimensións.

Sabemos que temos unha importante e difícil asignatura que superar neste sentido, tamén moi relacionada coa saúde do medio, co benestar colectivo.

Seguimos intentando cos nosos limitados medios pero con altísima determinación, que a ría de Pontevedra recupere o seu equilibrio ambiental co traslado do complexo Ence Elonsa, que hoxe contamina o noso contorno e aldraxa as nosas vidas a golpe de talonario.

Só así pode entenderse que o Estado entregue o nosos máis prezados bens, a natureza e a saúde, a unha empresa contaminante, en boa medida responsable de que os montes do país fosen convertíndose en plantacións uniformes e perigosas e de que a nosa ría permaneza tanto tempo entregada a unha actividade industrial impropia dese emprazamento.

En fin, amigas e amigos, gozade da Pontevedra que existe para gustarvos, para facervos felices. Sentídevos na vosa casa e regresade cando queirades ou poidades, con ou sen motivo, simplemente a ganar un tempo agradable e saudable.

Esta Pontevedra da saúde e o benestar integral é para vós, e así nos gusta que a utilicedes.

Deséxovos todo o mellor, tanto a nivel social como académico, nesta egreixa cita da Semana Galega de Filosofía que asenta con toda a súa potencia na tempada cultural da primavera pontevedresa.

Mil grazas por vir e por facernos sentir importantes coa vosa visita.

Queda inaugurada esta trixésimo cuarta Semana Galega de Filosofía

COMPARTIR