Volve o Apego na primavera

51

O concelleiro de Normalización Lingüística presentou o programa de actividades do Apego en Pontevedra para esta primavera. O programa abrangue obradoiros e actividades dirixidas ás familias que xa teñen fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo membro; todas elas son de balde.

Os obradoiros desenvolveranse a partir deste mércores, na sala Bolechas da Casa da Luz, na praza da Verdura. Cada obradoiro ten prazas para vinte e cinco familias. Para os obradoiros é necesario inscribirse no formulario dispoñible en http://www.pontevedra.gal/apego/

    • Obradoiro para familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos

Orella pendella, con Bea Campos e Davide González, de Migallas Teatro

Mércores 19 de abril, ás 18 horas (45 min.)

Sesión de narración oral para aprendermos e xogarmos cos ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais acompañadas de música en directo.

    • Obradoiro para familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos

A poesía é un xogo, con Fedellas: Tamara Andrés e Susana Cerviño

Mércores 26 de abril, ás 18 horas (50 min.)

Achegarémonos á poesía dun xeito lúdico, coñeceremos recursos para aprender a aproveitala como xogo e converterémonos en poetas.

    • Galegote Rock con programación infantil na praza da Pedreira.

Sábado 29 de abril:

12.30 h Xogos tradicionais e xincana
17.00 h Contacontos

Toda a programación de concertos no FB: GalegoteRock

    • Obradoiro para nais e pais

Axúdame a expresarme! Materiais e actividades Montessori para o desenvolvemento da expresión oral, con Rachachán

Luns 8 de maio, de 17.30 a 19 horas

Obradoiro de achegamento á metodoloxía Montessori para que as familias traballedes o desenvolvemento da linguaxe das vosas fillas e dos vosos fillos.

    • Obradoiro para familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos

Obradoiro de xogos e xoguetes, con Brazolinda

Martes 16 de maio, de 17 a 19 horas

O xogo é fundamental para aprender, socializar, imitar a realidade e desenvolver a creatividade, a intelixencia e as competencias lingüísticas. Brazolinda falaranos da importancia do xogo, presentará os xogos artesanais que desenvolve e ensinaranos como aproveitalos en familia.

    • Obradoiro para familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos

Orella pendella, con Bea Campos e Davide González, de Migallas Teatro

Sábado 20 de maio, ás 12 horas (45 min.)

Sesión de narración oral para aprendermos e xogarmos cos ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais acompañadas de música en directo.

    • Obradoiro para familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos

A poesía é un xogo, con Fedellas: Tamara Andrés e Susana Cerviño

Mércores 24 de maio, ás 18 horas (50 min.)

Achegarémonos á poesía dun xeito lúdico, coñeceremos recursos para aprender a aproveitala como xogo e converterémonos en poetas.

  • E, para pechar: sábado 27 de maio, festa na Illa do Covo.

Ademais deste programa, segue aberto o prazo para inscribirse no programa. Hai que pedir cita a través do web do Apego: http://apego.gal/sumate/

Apego é un proxecto dirixido a apoiar e potenciar a transmisión da lingua galega no seo da familia aos nenos e nenas desde que nacen ata os seis anos. As familias que se suman ao proxecto reciben información, recursos e a posibilidade de participar en actividades especialmente deseñadas para activaren o uso da lingua na familia.

Pontevedra forma parte do Apego desde a orixe do proxecto, no ano 2015. Coas novas incorporacións deste ano, Apego está xa en trinta concellos. Cee, Lugo, O Carballiño, Ponteareas, Sada, Vilagarcía de Arousa e Nigrán veñen de sumarse aos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vimianzo.

www.apego.gal

www.facebook.com/apego.gal

COMPARTIR