Sétimo ano consecutivo sen accidentes mortais nas estradas municipais

31

A Concellaría de Protección Cidadá segue traballando co obxectivo de reducir ao cero os accidentes graves na cidade. Aínda que o traballo dos últimos anos así como o modelo de cidade implantado polo Goberno favoreceron a redución drástica dos accidentes graves), a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva explicou esta mañá que o obxectivo é seguir mantendo os cero mortos e lograr os cero feridos graves.
No pasado ano, as estradas municipais rexistraron 884 sinistros nos cales se contabilizaron 131 feridos: 113 leves e 18 graves (con asistencia hospitalaria de máis de 24 horas).

Segundo as estatísticas da Policía Local, o 60% destes sinistros foron por despistes, polo que a Policía Local iniciará unha campaña para lembrar ao condutor a necesidade da concentración ao volante.

Ademais, tamén se ten detectado un incremento de vehículos que circulan sen seguro e sen pasar a ITV, polo que a Policía xa está a realizar unha campaña de supervisión destas dúas obrigas dos vehículos. Son arredor de 500 os condutores rexistrados o pasado ano sen algunha das dúas obrigas, unha cifra que se incrementou o 100% con respecto ao ano anterior. Dende a Policía Local aclárase que a maior parte dos condutores destes vehículos non son residentes no municipio de Pontevedra.

Por outro lado, Carme da Silva anunciou esta mañá que o Concello tramita a compra dun radar para o control da velocidade nas vías municipais. Trátase de determinar en que zonas é preciso adoptar medidas estruturais -como as implantadas noutras zonas da cidade- para lograr reducir a velocidade. Con este radar, que poderá estar operativo antes do verán, a Policía realizará controis de velocidade previamente anunciados. “O fin deste radar non é recadatorio. Nós o que pretendemos é que a xente conduza máis amodo”, aclaraba Carme da Silva.