Lores defende en Puente Genil a cidade democrática

31

    • O I Congreso Iberoameriano para Policías tivo representación da cidade do Lérez con dúas intervencións: a do alcalde e a do intendente principal.
    • Lores lembrou que “a mellor seguridade viaria son os nenos xogando na rúa”, e Daniel Macenlle reivindicou que se convirta en materia de estudo obrigatorio nos centros de ensino.

Pontevedra participou esta tarde no I Congreso Iberoamericano para Policías pola seguridade e a educación viaria en Puente Genil para ser protagonista do II Panel das xornadas baixo o título “A cidade: seguridade, educación e mobilidade sostible”. Pontevedra estivo representada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e polo intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle que impartiron sendas intervencións: o alcalde sobre “Un percorrido pola transformación urbana de Pontevedra” e Daniel Macenlle sobre “A educación viaria nunha cidade para os nenos”.

Durante a xornada matutina, Pontevedra xa foi obxecto de mención por parte de Bartolomé Vargas Cabrera, Fiscal de sala coordinador de seguridade viaria da Fiscalía Xeral do Estado, encargado de dar a conferencia maxistral que abriu este Congreso no que participan máis 200 políticos e profesionais da seguridade de todo o Estado e de América Latina. A súa mención a Pontevedra foi para presentala como un dos exemplos do Estado onde se está a traballar seriamente en favor da seguranza e da educación viaria.

Pola tarde participou a representación pontevedra expoñendo o modelo de cidade, o alcalde dun xeito integral “tratando de resumir 18 anos de transformación urbana”, e Daniel Macenlle centrando a súa ponencia na seguranza viaria, que rematou reivindicando a creación dunha materia de seguranza viaria obrigatoria para as escolas dos nenos entre os seis e os doce anos.

No momento do debate, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores foi o único que recibiu preguntas sobre a súa intervención. En concreto, preguntáronlle se a transformación urbana foi sostible economicamente, ao que o rexedor pontevedrés contestou categoricamente “si. Non é máis cara ou menos caro, simplemente hai que tomar a decisión política e traballar nese sentido”. Explicou que no Goberno Local emprégase o dito “Con rumbo certo, todo vento é favorable”, por iso aclarou que “ou restrinximos o vehículo privado ou nos meten os coches na cama”, o que levantou os sorrisos do auditorio.

A modo de exemplo explicou que “cando unha persoa merca un coche, non merca catro metros cadrados de espazo público. É o teu coche e gárdao onde queiras, porque eses catro metros cadrados son de todos, non dos coches privados”. Quixo recordar que para o Goberno de Pontevedra o espazo público é unha prioridade de primeira necesidade como pode ser a Educación ou a Sanidade, dado que é na rúa a principal representación democrática da sociedade “a pé todos somos iguais”.

Rematou a súa intervención lembrando a Francesco Tonucci, estes días por Pontevedra, cando reitera que “a mellor forma de seguridade viaria son os nenos na rúa, porque a ninguén se lles ocurre facerlles dano”.