Sae a contratación a reurbanización do último treito da avenida de Vigo

57
    • A Xunta de Goberno Local aproba o luns o proceso de contratación por un valor de 274.895 euros e un prazo de execución de 4 meses.
    • Seguirá o modelo existente de ampliación de beirarrúas, un carril de circulación, estacionamento a ambos lados, nova iluminación e arborado.

A Xunta de Goberno Local aprobará a vindeira semana o proxecto de contratación da ampliación da urbanización de toda a avenida de Vigo, entre a rúa Luís Seoane e o nó do Pino. O orzamento desta actuación de máis de 300 metros é de 274.895 euros, coas melloras incluídas e ten un prazo de execución de 4 meses.

O portavoz do Goberno, Raimundo González informou esta mañá que esta obra se enmarca dentro do obxectivo do Goberno Local de trasladar a calidade urbana do centro da cidade ás parroquias e a todos os barrios. De feito, é unha actuación que no seu día foi consensuada cos veciños do entorno e que é moi importante para o Goberno dado que se trata de mellorar a imaxe dunha das saídas da cidade, factor importante de cara aos visitantes que se achegan a Pontevedra.

A intervención de reurbanización é similar ao primeiro tramo que se realizou durante a apertura da avenida Josefina Arruti:

    • As beirarrúas teñen un mínimo de 3 metros
    • Un carril de circulación
    • Estacionamento en liña a ambos lados da rúa
    • Arborado na marxe dereita da rúa
    • Retranquear o alumeado existente (xa renovado con anterioridade) e completar as farolas que faltan.
    • Refacer toda a rede de sumidoiros.

A actuación vese reforzada por outras melloras que xa se teñen realizadas nesta rúa como a mellora da accesibilidade e o calmado de tráfico na rúa, que se respectarán nesta actuación.