Comeza o acondicionamento da rúa Cruceiro

25

    • O Concello inviste 35.000 euros nesas obras que comezaron esta semana e que consisten na limpeza dos muros, mellora da iluminación, e instalación dunha varanda nas escaleiras cara a avenida de Uruguai.

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de limpeza xeral e acondicionamento da rúa Cruceiro situada entre a ponte e a rúa da Barca cun investimento de 35.000 euros. É unha actuación necesaria na zona, que o Concello realiza cada certo tempo, xa que a maleza acaba invadindo os muros de peche da praza.

Nesta ocasión, ademais da limpeza que precisa tamén se revisará e modificará toda a iluminación e instalaranse algúns elementos de mobiliario público. Deste xeito respóndese ao compromiso acadado cos veciños do barrio, logo das reunións mantidas con eles para informarlles do apoio do Concello ao centro de día que a asociación Rexurdir está a acondicionar nun baixo da rúa.

Os traballos que están sendo executados pola empresa Setga, consisten na limpeza dos muros da ponte que se ten que facer manualmente, así como o adecentamento da escaleira. Tamén se instalará unha varanda de inox nas escaleiras que baixan cara á avenida de Uruguai para facilitar a baixada aos peóns, xa que ten uns pasos moi inclinados.

A obra rematará coa substitución da iluminación pública para instalar lámpadas led e, nos casos que sexa necesario, fustes e báculos novos.