Aprobada a contratación da rede de auga potábel nos Areás

55
    • A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o proxecto valorado en 104.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a contratación da instalación da rede de abastecemento de auga potábel no lugar dos Areás, na parroquia de Mourente, unha área do rural moi poboada e situada entre Os Campos e Monte Porreiro.

A instalación da nova rede ten un custe de licitación de 104.753,74 euros e unha lonxitude de 700 metros. Estará montada con tubaxe de fundición dúctil. O prazo de execución é de 3 meses dende a adxudicación da obra.

Como novidade, a instalación da rede suporá a substitución de todo o firme da rúa. É dicir, asfaltarase toda a a vía. Esta decisión estenderase a outras obras futuras do Concello: cando se fagan obras na vía de menos de catro metros de ancho, asfaltarase toda a rúa; e cando se trate dunha vía de dobre dirección está previsto o pavimentado de todo o carril de circulación.

É unha prioridade do departamento do Ciclo da auga ir completando a rede de abastecemento de auga potábel no perímetro do centro urbano, para continuar con outras zonas do rural. Ademais, o abastecemento dos Areás súmase á rede de auga potábel que se acaba de instalar na estrada xeral de Ourense, na parroquia de Mourente, aproveitando as obras de instalación de sumidoiros. Con estas dúas actuacións, a práctica totalidade dos núcleos da parroquia de Mourente disporían de auga potábel.