Os universitarios da cidade, detrás dos trampantollos de Carlos Casares

70

    • O Concello desvelou esta mañá que estudantes de Audiovisuais, Publicidade e Belas Artes, coa axuda municipal, montaron estas intervencións para tratar de divulgar, de xeito diferente, a figura do escritor homenaxeado neste ano no Día das Letras

O Concello de Pontevedra desvelou esta mañá a colaboración que mantivo durante o mes de maio para crear tres trampantollos en distintos puntos da cidade: na avenida de Montero Ríos, da praza da Pedreira e na praza de Barcelos con motivo do Día das Letras Galegas. Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, explicou esta mañá que foi unha proposta xurdida da Universidade, a través do vicerreitor, Juan Corvacho, para dar a coñecer a figura de Carlos Casares dun xeito diferente “seguindo esa aura que ten a sorpresa”.

Os autores foron alumnos das carreiras de Belas Artes, Publicidade e Audiovisuais que recibiron o apoio do Concello ofrecéndolle todo o material que precisaron así como a posta a disposición das prazas nas que se fixeron os trampantollos.

Os autores da iniciativa foron: Adrian Abilleira Lorenzo, Alejandra Iannone Garrido; Andrea Vizcaino Hermida; Daniel Alonso Costas; Sabela Argibay Otero; Óliver Alonso Fernández que traballaron durante tres noites, dende as doce até as oito da mañá, para rematar a instalación e xogar co factor sorpresa.

Que fose un equipo interdisciplinar, permitiu que se adoptasen distintas solucións para os problemas que ían xurdindo.

As actuacións que fixeron foron relativas ás obras do autor das Letras, así como a súa imaxe:

    • A galiña azul, feita na madrugada do 3 ao 4 de maio. Na avenida de Montero Ríos
    • Vento ferido (na madrugada do 7 ao 8 de maio). Na praza da Pedreira
    • Carlos Casares (do 16 ao 17) na praza de Barcelos

As obras permanecerán, cando menos, até o 1 de xuño.