O modelo Pontevedra libera espazo público para a xente e fomenta unha sociedade igualitaria

12
  •  “O coche é un invento marabilloso, non podemos deixar que sexa un problema”, Demetrio Gómez, no VIII Forum Civinet España-Portugal de Valencia

A eliminación de sistemas como a ORA ou o autobús circular que circulaba case valeiro en 1999, e a adopción de todas as medidas de transformación que se puxeron en marcha tras a peonalización do centro histórico foron os eixos de partida polos que decorreu a intervención do concelleiro de mobilidade, Demetrio Gómez Xunqueira no VIII Forum Civinet España-Portugal que rematou en Valencia coa participación das 35 cidades desta rede ibérica de xestión urbana.

Pontevedra foi máis unha vez a protagonista da sesión, na que participaron cidades implicadas en transformación máis ou menos profundas como Braga e Málaga, así como membros da Rede de Cidades pola Bicicleta ou a Fundación Conama, con programas a prol da redución do tráfico a motor nas cidades.

Na súa intervención, Gómez Xunqueira dixo que liberar o espazo público e entregarllo á veciñanza é un xeito de fomentar unha sociedade igualitaria, e que o medio ambiente que máis nos preocupa como urbanitas debe ser o que afecta ao ámbito urbano, onde pasamos boa parte das nosas vidas.

“O marabilloso avance e as grandes comodidades que o automóbil supuxo para as nosas vidas, non pode converterse nun problema, polo que nos consideramos que Pontevedra non podía continuar invadida polos coches”, dixo Xunqueira, quen se referiu ao “ecoloxismo” como unha fonte de inspiración para as accións que se levaron a cabo para conseguir “que a rúa sexa unha continuación do salón da nosa casa”, se ven as reformas “poden xerar disfuncións que hai que ir corrixindo sobre a marcha”.

As louvanzas recibidas polo modelo pontevedrés por parte de todos os poñentes comezaron cando o representante de Braga dixo que era unha responsabilidade falar despois de Pontevedra, en alusión aos avances conseguidos pola nosa cidade: “o que para nós son retos, para vós xa son realidades”, dixo o vereador portugués, que foi seguido polas observacións positivas do resto dos intervintes.

Na quenda de preguntas, todas agás unha referíronse ao modelo pontevedrés: como se logrou reducir a emisión de gases nocivos, cal é o sistema de control para os aparcadoiros de servizos (de 15 min), etc. Unha persoa do auditorio tomou a palabra para mostrar a satisfacción pola existencia de “cidades valentes que limiten o tránsito de coches”, e non faltou a clásica pregunta sobre as resistencias iniciais ao modelo.

A nosa cidade estivo presente nas dúas principais palestras deste VIII Forum Civinet España-Portugal xa que tomou parte nas sesións de onte e de hoxe como convidada a expoñer algúns aspectos do novo modelo urbano.