Continúan as actividades de Maio, mes da lingua, antes de rematar o mes das letras

    15

    A Concellaría de Normalización Lingüística encara os últimos días do mes das letras a través do programa Maio, mes da lingua. As actividades previstas para esta semana son:

    Mércores 24 de maio

      • Ás 18.00 horas, Apego. Obradoiro A poesía é un xogo, con Fedellas , na Casa da Luz. Para familias con peques de 3 a 6 anos. Cómpre inscrición www.pontevedra.gal/apego/.
      • Ás 12.00 h roteiro Castelao co IES Ponte Caldelas   52 rapaces rapazas de 2º da ESO. Persoa de contacto Susana Trigo. Teléfono 886151477. Case dúas horas de percorrido que abrangue non só parte da zona antiga senón tamén algunhas das rúas que configuraban a vila de principios do século XX. Esta actividade é ademais un percorrido pola etapa vital do autor rianxeiro na que estivo intimamente vinculado coa cidade. O itinerario inclúe visitas á Sala Castelao do Museo de Pontevedra e ao edificio modernista do antigo Café Moderno.

    Sábado 27

      • Festa do programa Apego, festa para toda a familia na Illa do Covo.

    Luns 29:

      • Ás 20.00 h na casa das Campás cinema en galego Os días afogados. Entrada libre ata completar capacidade. 

    En 1992, a construción do embalse de Lindoso (Portugal) anegou para sempre as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia).

    Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar. As súas imaxes, gravadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares.

    Son, ao mesmo tempo, un acto de fe nas posibilidades do cine doméstico para dar conta do tempo histórico que nos toca vivir. Máis aló do íntimo, revélanse como un retrato dos mecanismos cos que actúa o Poder.

    A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis aló de si mesma.

    Martes 30:

      • Ás 19.00 h, no auditorio do Pazo da Cultura, V Certame de Relato Curto, entrega de premios.

    Certame cuxos principais obxectivos son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria. Os relatos deben ser orixinais e escritos en galego.

    Están convidados/as 120 finalistas que coñecerán os ganadores no momento da entrega dos premios:

    • Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas.

    • Nesta ocasión como novidade, para os autores e autoras dos cinco mellores textos de cada categoría: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

    • Para todas as persoas gañadoras e finalistas do certame (máximo 120): un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame por un escritor profesional Xabier P. Docampo que este ano é o escritor homenaxeado.

    Tanto os relatos gañadores coma os finalistas publicaranse no Diario de Pontevedra.

    Os premios poderán quedar desertos se non se alcanza unha calidade mínima, incluída a publicación do libro colectivo. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables en todos os casos.

    Esta gala de entrega de premios contará coa actuación de Paco Nogueiras, músico e actor, que tras formarse cos artistas Andrés Pazos e Fabio Mangolini, impartiu clases de teatro e dirixiu representación en entidades culturais e colexios. Foi actor e percusionista de Els Comediants e Os Quinquilláns. Na actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres Tenedores do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago.

    Mércores 31:

      • Ás 20.00 h, no Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira), recepción do alcalde ás asociacións da cidade
      • Obradoiro de xoguetoloxía no CEIP Froebel. Persoa de contacto: Carmen Mene 886159531. Ás 9.30 h 50 nenos e nenas do 1º ciclo de EP e ás 11.30 55 nenos e nenas do 2º ciclo de EP.

    Obradoiro de construción de xogos, xoguetes, enredos e instrumentos sonoros con materiais de refugallo e naturais: birlos, peóns, boliches, papaventos… • Obxectivos: – Os participantes aprenderán a construír os seus propios enredos e a xogar sen necesidade de grandes gastos – Fomentar a creatividade e a autonomía • Desenvolvemento: – Presentación e pensamento diverxente: as nenas e nenos aprenderán que con materiais pobres se poden facer grandes cousas, polo que nun primeiro momento, verán os materiais e haberá unha pequena chuvia de ideas sobre que uso alternativo se lles pode dar. – Obradoiro: cada rapaz/a construirá o seu enredo para poder levar a casa. – Xogarán e experimentarán co enredo e, como peche, xogo tradicional bailado.

    COMPARTIR