O Concello avanza no proxecto de Voltar á terra no cemiterio de San Amaro

181

A Concellaría de Cemiterios avanza nestes días na concreción do proxecto Voltar á terra, unha proposta que pretende converter a parcela valeira do cemiterio de San Amaro nun espazo recollido e bonito para que as familias poidan tirar ou depositar as cinzas dos seus seres queridos e facer unha cerimonia de despedida (relixiosa ou non). A concelleira responsábel do servizo, Carmen Fouces mantivo onte unha reunión cos arquitectos municipais e o arquitecto encargado de redactar o proxecto, Rogelio Carballo para ir avanzando no proxecto, que poderá estar ultimado no prazo de quince días ou tres semanas e poder dalo a coñecer.

Carmen Fouces sinalou que de acordo coas peticións que recibe o Concello ultimamente sobre os enterramentos centradas, especialmente, no reclamo de espazos para colocar ou tirar cinzas, e dado que existen bastantes nichos construídos para satisfacer a demanda dos vindeiros anos, a Concellaría puxo en marcha o proxecto Voltar á terra, que se fará na parcela valeira do cemiterio de San Amaro, duns 5.800 metros cadrados.

Neste espazo está previsto a construción duns 1.000 columbarios (uns en terra e outros en columna), xunto a unha pequena construción na que as familias poderán facer unha cerimonia de despedida dos seus seres queridos. En cada columbario poderá inscribirse unha placa coa referencia do falecido, dando á familia a posibilidade de deixar as cinzas ou ben a furna na que se topan as cinzas.

Ademais, habilitarase un espazo de pradaría onde haberá plantas aromáticas (lavanda, especialmente) na que os familiares tamén poderán esparexer as cinzas dos seus seres queridos, se así o desexan.

A concelleira confía en que o proxecto poida ir pechándose nestes meses para executalo antes do 1 de novembro, Día de Todos os Santos.