O Pazo saca a contratación as producións dos espectáculos do auditorio e do Teatro

114
    • O contrato será por dous anos, prorrogables por outros dous. Terá un custe total de máis de 570.000 euros.
    • Pretende satisfacer as necesidades de persoal e de equipamento para os espectáculos pequenos, medianos e grandes que se celebran nas dúas principais sedes culturais do concello.

O Pazo da Cultura sacará a contratación nas vindeiras semanas a produción de todos os espectáculos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal para os vindeiros dous anos (coa posibilidade de prórroga por outros dous). O prezo total de licitación é 144.660 euros por ano, coa posibilidade de dúas prórrogas (578.640 euros cos dos anos de prórroga). Con esta contratación, preténdese regularizar a situación destas contratacións e acadar unha maior eficiencia e mellores condicións económicas dos servizos prestados, xa que suporá un aforro  importante.

Na contratación fíxanse dous lotes (o Pazo e o Teatro, por separado), pois os dous espazos escénicos teñen diferente dotación técnica e equipamento escénico, polo que as necesidades de persoal e equipamento son diferentes en cada un. Os licitadores poden presentarse aos dous ou a un nada máis.

As actividades clasificáronse en pequeno, mediano e gran formato en función das súas necesidades de persoal e equipamento, fixando un custe de actividade por formato e lote. O orzamento de licitación é por ano e por lote, estimando un máximo de actividades por cada formato, en función das previsións de programación e o análise da programación do último ano.

Dado que non está definido con exactitude o número de actividades que se poden desenvolver ao longo do ano, acódese a un acordo marco polo que o orzamento de licitación é o máximo gasto, pero o Organismo Autónomo do Pazo da Cultura (que xestiona ámbolos dous espazos) non está obrigado a gastalo, xa que se abonará só as actividades que se fagan.

O Departamento de Cultura leva moitos meses traballando neste prego, dado que é a primeira vez que se licita no Concello de Pontevedra, e tamén porque non hai modelos (noutras cidades) cuxo obxecto sexa semellante ao que se licita.

Na actualidade, nin o Teatro Principal nin o Pazo da Cultura dispoñen de persoal e equipamento suficiente para desenvolver todas as actividades que se programan polo que é preciso subcontratalo.

No caso do persoal trátase de persoal técnico (eléctricos, técnicos de iluminación, son, maquinistas…) e auxiliar (persoal de acomodación e de control de accesos, persoal de carga e descarga). O Pazo non pode asumir o gasto de incremento da plantilla en aras da maior eficiencia dos fondos públicos, xa que se estaría falando dunhas 20 prazas novas que sería un custe substancialmente moi superior á licitación do servizo de produción. Tamén hai que resaltar que as necesidades deste persoal e deste equipamento son puntuais, non permanentes, pois as actividades concéntranse maioritariamente nas fins de semana.

Dada a contía do contrato, deberá publicarse no BOPPO, DOG, BOE e DOUE, e a contratación comezará a contar dende a publicación no último dos boletíns oficiais, que aínda non se produxo.

COMPARTIR