O Consello dos nenos/as avalía os camiños escolares e a cidade

42
  • + Alumnos de 7 a 12 anos preguntan e fan suxestións sobre un amplo abano de temas de interese para eles: os itinerarios seguros aos coles e tamén os parques infantís, os bambáns para rapaces con discapacidade e os carris-bici

    + O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Protección Cidadá,Carme da Silva, contestan e toman nota das cuestións postas enriba da mesa

    + Na avaliación participaron rapaces dos CEIP Marcos da Portela, Vidal Portela, Las Doroteas, Campolongo e Barcelos

    A Casa da Luz acolleu o Consello dos nenos/as, a xuntanza anual na que os pequenos avalían os camiños escolares e fan suxestións co fin de mellorar as rutas seguras aos colexios e no que tamén formulan preguntas e propostas relativas a outros aspectos da cidade.

    Forman parte do Consello dos nenos/as: o alcalde Miguel Fernández Lores, a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle e o inspector responsábel de Educación Vial da Policía Local, Jesús Cal e os representantes dos escolares – rapaces de 7 a 12 anos- elixidos polos seus compañeiros. Na xuntanza de hoxe participaron os CEIP Vidal Portela, Marcos da Portela, Las Doroteas, Campolongo e Barcelos.

    As peticións e suxestións formuladas polos portavoces escolares son recollidas en acta e tidas en conta polo Concello. Foi o caso das achegas feita no seu día polos nenos e nenas do CEIP Froebel e Las Doroteas sobre a rúa Alfonso XIII ou a dos escolares do CEIP Barcelos respecto a reforma da praza e a súa conversión en patio de recreo.

    Cuestións como a idoneidade de mellorar a sinalización dos camiños escolares, a retirada dos voluntarios ou saber como xurdiron estes itinerarios foron formuladas e contestadas polo alcalde e a concelleira de Protección Cidadá que tamén enfrontaron un amplo abano de preguntas alleas aos camiños pero ligadas a temas do seu interese.

    Se haberá máis parques e zonas de ocio infantís ou bambáns para nenos e nenas con discapacidade; o bo que sería ter máis carrís bici e mesmo por que non construír un tren a Sanxenxo; a preocupación polas nenos e nenas e familias sen recursos, o combate contra o polen ou a separación de augas pluviais e fecais foron cuestións postas enriba da mesa. A todas elas déuselles cumprida resposta.