Traballos de mantemento e conservación nos bancos e nunha ponte da Illa do Covo

35

A Concellaría de Parques e Xardíns, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, está a realizar traballos de mantemento no mobiliario e nunha ponte da Illa do Covo para reparar os danos causados polo inverno, e para que estea en boas condicións de uso de cara ao verán.

Os traballos dos bancos consisten na reposición das pezas de madeira que están en mal estado ou en colocar aquelas que falten. Ademais estáselles aplicando un tratamento específico para a limpeza e conservación da madeira no exterior, co propósito de alongar o máis posíbel a súa vida útil.

Ao mesmo tempo, a Concellaría está a rematar os traballos de mantemento na primeira ponte de madeira da Illa (a máis próxima á entrada da Xunqueira). Neste caso estase a facer un tratamento integral de substitución das madeiras que estaban en mal estado tanto nos pasamáns como no chan. Os traballos amplíanse á limpeza dos arcos da ponte. Para realizar todos estes labores, puxéronse medidas de protección ambiental para non danar a canle interior da Illa.

COMPARTIR