Youtubeir@s entrega os premios aos mellores vídeos en galego do YouTube

    9
    • O concelleiro de TIC, Alberto Oubiña, asistirá á entrega de premios que se vai a celebrar
      mañá, 26 de maio, no Teatro Principal de Ourense
    • Nesta primeira edición participaron máis de 200 vídeos

    O concelleiro de TIC, Alberto Oubiña, asistirá á entrega de premios de Youtubeir@s, a
    primeira edición do concurso de vídeos en galego na rede. O acto será presentado pola
    actriz e cómica Iria Pinheiro, contará co monólogo “E non te esquezas da miniatura!” a
    cargo de Iñaki Quenerapú e coa mestura en directo de todos os vídeos participantes
    nesta edición da man da vídeo-DJ Marta Verde.

    Neste momento xa se poden ver na canle de Youtube de Youtubeir@s os vídeos finalistas
    das dúas categorías: vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. No acto coñeceranse os nomes
    das persoas gañadoras que recibirán un trofeo e un premio de 1.000 €.

    Entre os vídeos que optan a este galardón unhas mulleres de San Sadurniño explican
    como plantar cacahuetes e opinan sobre a praga que está afectando ás patacas, unha
    moza de Ribeira explica como facer un guiso Anti-San Valentín, un rapaz de Santiago de
    Compostela mostra como facer un vídeo e unha rapaza de Ourense reflexiona sobre o
    galego mentres que dende Vimianzo, outra youtubeira debate sobre o seu corpo.

    Entre os máis de 200 vídeos participantes premiaranse os que destaquen polo seu
    enxeño e creatividade, pola súa eficiencia comunicativa, pola súa calidade técnica e a súa
    calidade lingüística. Coñeceranse ás persoas gañadoras con 500 € destas catro
    mencións honoríficas na entrega de premios. A asistencia é aberta e de balde. Pódense
    recoller as entradas a partir das 18.00 h deste venres na billeteira do Teatro Principal.
    Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos de
    Pontevedra, A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de
    Compostela e Vigo.

    Toda a información sobre o Concurso en www.youtubeiras.gal

    COMPARTIR