Fresado e asfaltado das rúas Rouco e Pai Amoedo

    3

      • Está previsto para este martes e mércores xa que algúns tramos das rúas atópanse en bastante mal estado.
      • A Policía elaborou ambos plans de tráfico que estarán operativos de 09.15 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.30 horas.

    O Concello de Pontevedra asfaltará as rúas Rouco e Pai Amoedo os vindeiros martes e mércores. Trátase de facer pavimentacións parciais da rúa xa que, nalgúns puntos, atópanse en bastante mal estado de conservación, o que fai preciso acometer tamén o fresado dalgúns tramos.

    Xa que son rúas sensibles do centro urbano, a Policía Local elaborou un plan específico de tráfico para ámbolos dous días, dando alternativas aos condutores e ao servizo de carga e descarga para garantir niveis aceptables de mobilidade, e tamén para que os residentes teñan garantido o acceso ao seus garaxes.

    Con carácter xeral e para minimizar o impacto na mobilidade a motor, fíxanse os seguintes horarios de peche das vías

      • De 9.15 a 13.30 horas
      • De 15.00 a 19.30 horas

    Na rúa Rouco, prohibirase o estacionamento a partir das 08.00 horas do martes, 30 de maio. Ademais, restrinxirase o acceso á praza de Barcelos, permitíndose só o acceso ao aparcadoiro público de Barcelos, aos garaxes, e á carga e descarga. (Ver plano)

    Na rúa Pai Amoedo, procederase ao desvío da circulación de Cobián Roffignac pola rúa Santa Clara, polo que será preciso inverter o sentido de circulación desta. (Ver plano)