A 4ª edición do Pont-Up Store conectará iniciativas para crear unha gran rede de emprendemento galega

17
  • Mostrar proxectos de emprendemento do ámbito do ensino e poñer
    en marcha un Laboratorio Creativo son outras apostas desta convocatoria

A Concellaría de Promoción Económica volve a ser a principal patrocinadora do Espazo de Emprendemento PONT-UP STORE que este ano chega á súa cuarta edición. Trátase dunha iniciativa liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) que foi presentada esta mañá no Concello no que participaron a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; e o director do PONT-UP STORE, Pedro Figueroa, que anunciou o calendario deste evento que volverá instalarse na Praza de España entre o 21 e o 23 de setembro, e que hoxe deu o pistoletazo de saída a súa cuarta, froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas.

O director do PONT-UP STORE afirmou que “o obxectivo do Pont-Up Store 2017 é incrementar o alto grao de cooperación acadado nas pasadas edicións coas entidades e institucións patrocinadoras e colaboradoras, incorporando outras novas para xerar maiores sinerxias que consoliden o evento”. Tamén destacou que se vai poñer unha especial atención en “conectar aos emprendedores e emprendedoras da Comunidade UP para lograr tecer unha gran rede galega de emprendemento”. De feito, por primeira vez, o PONT-UP STORE, incorpora na súa campaña imaxes das persoas que participaron nalgunha das anteriores edicións, co obxectivo de convertelos en protagonistas desa comunidade de “xente que se atreve a soñar e converter as súas ideas en realidade”, en palabras de Figueroa.

A concelleira Anabel Gulías asegurou que esta iniciativa “visibiliza formas alternativas de crecemento económico e aproveita os espazos públicos para amosar o potencial creativo de Pontevedra, de Galicia, do resto do Estado e tamén de Portugal”; e mostrouse satisfeita pola integración da rede de empresas creativas de ‘Pontevedra ten un Puntazo’ dentro da programación do Pont-Up Store a través do Puntazo Exprés. O vicerreitor Corbacho destacou “a capacidade de renovación e adaptación do Pont-Up Store que cada ano se preocupa por incorporar novidades demandadas no ámbito do emprendemento”. Por último, López Font loubou os resultados do Pont-Up Store en só catro edicións, e brindou o seu apoio á organización para seguir apostando pola cultura do emprendemento.

Inscricións Abertas
Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes empresas e entidades galegas. Entre os escoitantes desta edición estarán, entre outros, Juan Vázquez Gancedo Director Xeral de Bodegas Martín Códax e Presidente do Clúster Alimentario de Galicia; Begoña Ocampo, socia fundadora da cadea de restaurantes La Pepita Burguer Bar; Débora Franco de Vázquez de Monet Viticultura; e Xavier Castaño, da consultora Internacional de Proxectos Tecnolóxicos, Igalia. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades do 30 de maio ao 9 de xullo a través da web www.pontupstore.com.

Programación
Na xornada previa do xoves 21 de setembro haberá unha Alborada Emprendedora presentada como unha actividade sorpresa para anunciar o evento ante a comunidade universitaria e a sociedade, na que a creatividade e a innovación vanse mesturar con actividades que potencien unha vida saudable. Volveremos contar cun Laboratorio Creativo de fabricación dixital e impresión 3D, onde haberá exposicións, demostracións e sesións de iniciación en continuo. Neste espazo desenvolvorase un obradoiro orientado ao urbanismo arredor da temática “Pensando a túa cidade”. FAB LAB SPACE, Camp Tecnológico e R (talleres CreaR) serán algúns dos colaboradores.

O sábado está programada a segunda edición da Xincana Bike orientada a desenvolver a iniciativa, o traballo en equipo e a cooperación entre nenas e nenos ata 14 anos. A proba divídese en 5 zonas cada unha cunha temática marcada e relacionada coa filosofía de emprendemento do Pont-Up Store.

No marco da reunión da comunidade WordPress en Pontevedra (Meetup) vaise organizar a actividade Emprende con WordPress con diferentes obradoiros para achegar WordPress a calquera que teña interese mostrando casos de emprendedores que nos ensinarán como empregaron WordPress para emprender e crear o seu negocio/proxecto.

O emprendemento no ensino
Unha das grandes apostas deste ano é establecer alianzas co ensino para levar ás aulas o espírito emnprendedor do PONT-UP e servir de escaparate para mostrar proxectos innovadores como Pontevan: FP na rúa, un aula de cociña móbil creada entre catro centros de ensino público de Pontevedra. (CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e IES Montecelo e conta tamén coa colaboración da Universidade de Vigo-Quantum Automotive- CimaLab) que vai achegar a Formación Profesional á rúa e mostrar un proxecto co que o alumnado aprende a innovar, neste caso renovando o concepto de FoodTruck cun vehículo de comida san e de calidade.

Movemento UP
A presentación desta cuarta edición xuntou a unha boa parte da comunidade do PONT-UP STORE na Praza de España de Pontevedra para a tradicional foto de familia, unha familia que aumenta ano a ano tanto en patrocinadores, como en membros do comité organizador e por suposto en emprendedoras e emprendedores. Estes últimos participaron nunha sesión de networking na Casa das Campás na que contaron a evolución das súas empresas desde a participación no Pont-Up Store.

A xornada rematou cunha cun workshop impartido por Alberto Garnil , Socio Director de Iconweb, sobre a importancia do Plan de Marketing Online no proceso de emprendemento, centrándose en exemplos e ferramentas de utilidade para traballar a identidade e a comunicación dixital, o tráfico, as ferramentas publicitarias e as medicións e análises necesarias para aprender cales son as estratexias que funcionan para a nosa empresa.