O Local Social do Burgo disporá de acceso independente de Pasarón

47

    • Está distribuído en dous andares: un soto que servirá de almacén, e un primeiro andar no que haberá aulas, zona de estancia, aseos, e estúdase instalar unha cociña
    • O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez reúnese mañá pola tarde, a partir das 19.30 horas, coa directiva da asociación do Burgo para presentarlles os primeiros traballos do proxecto do Local

O Concello xa dispón dun esbozo do que será o futuro Local Social do Burgo, situado no Estadio municipal de Pasarón. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez presentou esta mañá o traballo que se leva realizando nos últimos meses logo de plasmar os acordos acadados coas asociacións do barrio en distintas reunións. Ese mesmo proxecto será o que presente Demetrio Gómez na xuntanza que manterá mañá pola tarde, ás 19.30 horas, no local social que neste momento ten alugada a Asociación Sociocultural do Burgo.

O novo Local Social situado na esquina das gradas de Tribuna e Sur ten unha superficie total de 459,88 metros cadrados repartidos en: 227 metros no soto, 48 metros que se gañarán ao facer unha nova entrada, e 184 metros no primeiro andar.

O responsábel das obras municipais lembrou que o arquitecto Galo Zayas é o encargado de realizar este proxecto, “sen dúbida a persoa máis idónea xa que foi o arquitecto da reforma do estadio e o que tivo claro por onde se tiña que facer a entrada independente para o Local Social”. Este centro será totalmente independente do campo de fútbol ao facer un acceso entre as gradas Tribuna e Sur que estará a  nivel do campo, salvando así todos posibles problemas de accesibilidade e comunicándose co primeiro andar a través de escaleiras e dun ascensor.

A creación desta nova zona de acceso, permitirá ampliar o primeiro andar e gañar para uso dos veciños o espazo no que se topan as escaleiras actuais e o ascensor

Sobre a distribución, o Local disporá no Soto dun espazo para almacén, igual de amplo que o que dispón o club de fútbol. No primeiro andar haberá unha zona de estancia, ademais de aulas -unha delas para máis de 100 persoas na fachada da avenida da Coruña-, aseos e unha cociña que estaría pendente da súa situación definitiva en plano.