Pontenciencia, o foro dos mini-científicos/as está aquí

74
  •  Oito coles e nove familias presentan os resultados dos seus traballos na Escola de Forestais, os días 2 e 3 de xuño
  • Unha exposición e unha baralla de cartas de Mulleres Faro para xogar ás familias introducen a perspectiva de xénero
  • Por primeira vez, na terceira edición, participa un centro de Educación Especial

Achegarse a ciencia e a innovación dende a escola, promover o coñecemento científico, despertar a curiosidade, visibilizar a ciencia e todo elo vinculando a Universidade aos colexios. Con estes obxectivos chega Pontenciencia, a cita dos mini-científicos/as que presentarán, após de traballar durante o curso os resultados das súas investigacións.

Pontenciencia desenvolverase os días 2 e 3 de xuño na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. Os que se acheguen alí poderán ver a exposición Mulleres Faro, sobre mulleres pioneiras, investigadoras, científicas, etc, coñecer as investigacións feitas polos participantes -escolares e familias- ou asistir a conferencia de Luis Sampedro sobre a Ántártida.

Oito colexios e nove familias presentarán as súas investigacións -derivadas das temáticas seleccionadas polo comité científico- nunha cita que promove o Concello de Pontevedra en colaboración coa Universidade, a FANPA-Pontevedra, o Parque nacional marítimo- terrestre Illas Atlánticas, o CSIC a través da Misión Biolóxica, o CIFP Carlos Oroza e Viacqua. Conta coa financiación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) no marco da “convocatoria de axudas para o programa de cultura científica e da innovación 2016”.

Os colexios participantes son: San Bieito de Lérez, Marcos da Portela, Santo André de Xeve, San Martiño de Salcedo, Ponte Sampaio, Froebel CEIP Príncipe Felipe e CEE Príncipe Felipe.

A terceira edición de Pontenciencia trae novidades como a incorporación, por primeira vez, de escolares dun centro de educación especial -o CEE Príncipe Felipe-, a introdución da perspectiva de xénero, coa exposición Mulleres Faro e a edición dunha baralla de mulleres pioneiras e científicas para xogar ás familias e a incorporación do Parque Illas Atlánticas. “O traballo científico pode ser abordado por todos os nenos e nenas, iso é o importante” subliñou a concelleira de Educación, Carme Fouces. Ao seu carón o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, destacaba a crecente implicación da Universidade en Pontenciencia: “participan os cinco centros do campus e máis os dous adscritos”.

Pontenciencia non só alenta o interese dos nenos e nenas, e tamén das familias, pola ciencia se non que tamén desenvolve competencias transversais como a comunicación verbal -teñen que expor os traballos- , o traballo en equipo, etc.

Se o venres, 2 de xuño é o día dos coles en Pontenciencia, o sábado 3 de xuño será a quenda das familias, que tamén exporán os seus traballos científicos.
O mesmo sábado, ás 12.30 horas, no salón de actos da Escola de Forestais Luis Sampredo impartirá unha conferencia sobre “Antártida, continente extremo”.

Luis Sampedro é biólogo e investigador do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia. Falará da súa experiencia como participante na XXX Campaña Antártida Española durante xaneiro e febreiro de 2017. Abordará o illamento do continente branco, a intensidade da vida (e da morte) alí, a fraxilidade dos sistemas biolóxicos antárticos e o impacto do cambio climático, as condicións de vida nas bases científicas e o seu proxecto científico. Ata completar a capacidade da sala.

Programa