Comeza a campaña de roza que limpará todas as vías do rural neste verán

16

    • Arranca por Lérez e continuará polas parroquias do norte do concello. Dúas cuadrillas traballarán nas vías municipais principais e secundarias

O Concello de Pontevedra adiantou a primeiros de xuño os traballos habituais de limpeza e roza nas vías públicas municipais do rural para manter en boas condicións de uso e de seguranza estes espazos, logo das chuvias do inverno que fixeron crecer moito a herba nas beiravías ao sumárselle o calor da primavera.

A campaña de roza comezou pola parroquia de Lérez, e irá estendéndose ao resto de parroquias de todo o rural durante o final da primavera e o comezo do verán, seguindo unha orde lóxica de proximidade para tratar de rendibilizar ao máximo os equipos de traballan nestas tarefas. Logo de Lérez continuarán por Alba, Campañó, Cerponzóns, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Bora, Marcón, Mourente, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio e Canicouva.

Os traballos estaos a realizar una cuadrilla con dous tractores dotados de brazo de roza e dous operarios, aos que se sumarán unha segunda cuadrilla que tamén irá realizando a limpeza tanto nas vías principais como nas secundarias de todas as parroquias.

Esta é a principal campaña de roza que realiza o Concello durante o ano e que se complementa con outros labores que realizan cada pouco en espazos do rural de gran concorrencia pública, como poden ser os núcleos de centralidade parroquial.