O Senado de México abre as portas a Pontevedra

120
  • Lores exporá diante da Comisión de Urbanismo da cámara mexicana o modelo urbano que fai de nós un referente de calidade de vida no mundo
  • A visita ao país azteca prevista para agosto, que incluirá a primeira delegación comercial de Pontevedra no exterior, segue a encherse de contido
  • A concelleira de Promoción da Cidade mantén contactos coas empresas interesadas en participar para pechar a axenda

    A viaxe que fará o Concello de Pontevedra a México no mes de agosto segue a encherse de contido. A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, informou hoxe do convite feito polo secretario da Comisión de Urbanismo do Senado de México para expor nesta cámara o modelo urbano que fai de nós un referente de calidade de vida no mundo.

“Estou especialmente contenta de incluír esta cita na axenda” subliñou a concelleira Anabel Gulías, mergullada nun intenso traballo para organizar e pechar a que será a primeira delegación comercial de Pontevedra no exterior na que agárdase que participen unha vintena de sociedades.

“Estamos falando con moitas empresas, hoxe mesmo recibimos a primeira da área de Vigo e tamén afinando os mecanismos de colaboración coas organizacións empresariais” co fin de que a viaxe saia o mellor posible, explica a concelleira de Promoción da Cidade. Cando se peche a delegación, farase público a lista dos integrantes na que, de certo, haberá representación de sectores como turismo, alimentación, deseño urbano, construción ou o da creatividade e innovación.

“Se alguén tiña dúbidas de que Pontevedra está no mapa, isto (o convite ao Senado) fainos estar máis seguros de que esta viaxe vai a ser un éxito total”.

Pontevedra chega ao país centroamericano para participar no seminario “Datos que transforman” que organiza o ITAM (Instituto Tecnolóxico Autónomo de México) -unha das universidades máis prestixiosa do país, berce de líderes políticos e un referente nos temas de gobernanza e políticas públicas- e como convidada de honra, xunto a outras catro cidades americanas, na Expo- Pymes da Cidade de México. A presente edición está adicada a “Cidade global, enerxías limpas e loxística de exportación” e é o escenario que abre as portas o acompañamento empresarial.

A Expo-Pemes desenvolveráse do 23 ao 25 de agosto e o día 29, o seminario da ITAM, xéneses da viaxe. Agora está pendente de pechar a data para a intervención no Senado.