O novo Local social dos Campos, “un edificio do século XXI”

80
    • O proxecto contempla unha gran aula modular que permitirá facer grandes eventos ou ben dúas actividades paralelas en espazos distintos.
    • Os baños estarán fóra da construcción garantindo a accesibilidade e aproveitando os 263 metros cadrados de superficie da vella escola.

O Concello de Pontevedra continúa traballando man a man cos veciños de Pontevedra na configuración dos espazos e dos equipamentos das parroquias e dos barrios. O Local social dos Campos é un exemplo diso. O concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña presentará esta tarde, ás 20.00 horas, na Uned o proxecto do novo centro social aos veciños que se queiran achegar.

Esta mañá explicou, en compañía do arquitecto autor da rehabilitación Mauro Lomba e do arquitecto xefe municipal, Ángel Velando, que o proxecto atendeu todos os apuntamentos que foron achegando os veciños do barrio. Supón a rehabilitación do vello edificio do colexio dos Campos, unha estrutura que se topa en bo estado e que pode rehabilitarse como espazo de encontro e lecer.

Son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá a modo de conexión entre ambos lados do edificio. No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula cunha cabida para unas 80 persoas sentadas ou 120 de pe, ou ben dúas aulas independentes. En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias, exposicións…

Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e se fará un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con este, cun corredor acristalado.

Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre.

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e a súa rehabilitación levará aparellada unha actuación na contorna. Aínda que o orzamento está por pechar, estímase que a actuación na reordenación exterior da parcela pode roldar os 100.000 euros e a rehabilitación do edificio uns 240.000 euros.

Aínda que o proxecto non entrou en contratación, o concelleiro agarda poder iniciar as obras cara finais de ano ou primeiros de 2018.

En palabras do concelleiro Alberto Oubiña, “é un edificio para o século XXI”.

Presentación do proxecto do Local Social dos Campos