Reforma da rúa do Gorgullón, o modelo urbano no Camiño de Santiago

396
  • Terá plataforma única e ruta xacobea estará sinalizada cunha cor e pavimento diferenciados
  • Unha pantalla vexetal agochará as traseiras dos edificios de Eduardo Pondal
  • Remodelarase o entronque da cabeceira da avenida da Estación e a praza de entrada na rúa
  • As vías transversais Moa e Travesía Eduardo Pondal quedarán en dirección Eduardo Pondal
  • Peonalizarase a rúa do Muiño que salvará a pendente cunha escaleira e unha rampla
  • O proxecto ten un custe de arredor de 1,5 millóns de euros

Recuperar e pór en valor o Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade é un obxectivo do Goberno local, lembrou hoxe o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, durante a presentación do proxecto de reforma da rúa Gorgullón que está enriba da mesa. Neste momento, engadiu, está a ser avaliado polos técnicos municipais antes de lle dar o visto bo definitivo e envialo e contratación.

Ademais o proxecto será presentado á directiva da asociación de veciños Eduardo Pondal o próximo xoves, 15 de xuño, ás 20.30 horas no local social do Gorgullón. Tamén convocarase unha asemblea veciñal.

O custe da reforma proxectada para esta rúa -o acceso mais urbano do Camiño Portugués- é de 1.554.055,03. Ë unha obra que podería encaixar nos Fondos FEDER- Estratexia DUSI, apuntou Demetrio Gómez que agarda que “dea comezo neste ano”.-

A hora de deseñar a reforma do Gorgullón atopáronse cunha serie de dificultades derivadas das características da rúa, pois unha marxe son as traseiras dos edificios de Eduardo Pondal nas que están as entradas de garaxe e a outra ten unha marxe quebrada pola falta de edificacións nalgúns tramos.

A actuación prevista, subliña o concelleiro Demetrio Gómez, cumpre unha dobre función: estender a calidade ao borde da cidade o que redunda na calidade de vida da veciñanza e difundir o modelo Pontevedra xa que O Gorgullón serve de entrada aos camiñantes da ruta xacobea portuguesa.

Características do “novo” Gorgullón:

– Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina
– Invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.

– O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
– Renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
– Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos como, por exemplo ampliarase a rede de auga potábel, completarase o separativo de augas pluviais e fecais e instalarase unha rede eléctrica novas.

O concelleiro de Obras e Mobilidade sinalou varios elementos singulares no proxecto de reforma da rúa Gorgullón:

– Crearase unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.

Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.

Praza en Eduardo Pondal. Nova zona de estancia con arborado (Gyngkos), mobiliario e novo pavimento. Substitúese o muro actual contra O Gorgullón por bancadas.

Praza na cabeceira da avenida da Estación. Cambiará o entronque coa Avda da Estación que deixa de ser perpendicular para mellorar a accesibilidade e co fin de mellorar tamén a conexión coa senda do Gafos.

Plano Gorgullon 4

Plano Gorgullon 2

Plano Gorugullon 3