Representantes do Bloco de Esquerdas buscan en Pontevedra propostas para Braga, Famaliçao e Guimarães

21

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse esta mañá con varios responsables do Bloco de Esquerda ás Câmaras municipais de Braga, Vilanova de Famaliçao e Guimarães que se achegaron a Pontevedra para coñecer o modelo de cidade. O alcalde explicou que o Concello está encantado de recibir todo tipo de visitas, dado que as relacións institucionais son cordiais con todos os partidos políticos, e acompañou aos visitantes a coñecer a cidade.

Paula Nogueira, candidata do Bloco á alcaldía de Braga, fixo de portavoz da comitiva e explicou que “Pontevedra é un caso de estudo sobre o modelo da cidade alternativa”, especialmente na socioloxía da infancia, xa que “unha cidade amiga das crianzas, é unha cidade amiga de todo o mundo”.

Destacou que “a revolución urbana contribuíu a facer unha cidade amiga das crianzas pero tamén unha cidade máis sustentábel dende o punto de vista medio ambiental, autónoma, e máis humana”, situacións que non se dan “nin en Braga nin en Famaliçao, e un pouco en Guimarães”.

Os representantes do Bloco de Esquerda querían coñecer en Pontevedra prácticas que despois trasladarán aos seus programas electorais das citas autárquicas do 1 de outubro.

COMPARTIR