Máis de 1.200 escolares pasaron polo mercado coas visitas do Ganapán

26
  • O espazo infantil da plaza de abastos abrirá todos os sábados do verán con obradoiros
    gastronómicos para as crianzas

Chegou o fin de curso, mais a programación do Ganapán -o espazo infantil do mercado de
abastos- terá continuidade durante o verán. O mercado recibiu hoxe a última das visitas
escolares desenvolvidas polo Ganapán neste curso, do CEIP Vilaverde-Mourente e até alí
achegouse a concelleira de Promoción Económica e responsábel do Mercado, Anabel
Gulías.

A concelleira amosou a súa satisfacción pola receptividade acadada pola proposta de
coñecer o mercado. “Para nós era bo que os rapaces e rapazas coñeceran de primeira
man os beneficios da merca de proximidade, que puxeran en valor de onde sae o peixe,
onde sae a carne… intentarmos prestixiar, poñer no lugar que se merecen os sectores da
nosa economía” sinalou para que engadir que “é unha gozada traballar cos nenos e
nenas e ver como descobren o mundo do mercado e como vai calando neles”.

O fin das visitas escolares do curso 2016-2017 non leva ao peche do Ganapán por
vacacións. Haberá programación de verán e, neste tempo, as actividades xirarán arredor
da alimentación. Os sábados será a quenda do Ganapán Gourmet.

Balance das visitas escolares
Desde o pasado mes de febreiro, todos os venres (e desde maio xoves e venres, para
poder atender todas as solicitudes recibidas) veñen ao mercado grupos de escolares de
Educación Infantil e Primaria de todo o Concello. A programación do Ganapán tamén
interesou a escolas de fóra da cidade, coma o CEIP Martín Códax de Vigo, do que
viñeron dous grupos de Educación Infantil.
Foron máis de 50 grupos os que participaron nunha actividade que consistiu en percorrer
distintos postos da praza -de carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos- coa finalidade de coñecer tanto os produtos do mercado como establecer contacto directo cos
praceiros e praceiras.

Ademais da venda, os nenos e nenas achéganse nestas visitas a todo o proceso dos alimentos, visitan a lonxa e as cámaras de conservación. Despois da visita, xa no Ganapán, fixeron actividades de plástica creativa relacionadas coa visita, que remataban coa degustación dalgún produto vinculado co Mercado (paté de mexillóns, froitas, queixo…).

A finalidade das visitas é dar a coñecer o Mercado e a xente que nel traballa, pór en valor o espazo e os oficios do mar e da terra e concienciar ás crianzas da importancia de mercar e consumir produto frescos e de proximidade.

“Ganapán Gourmet” para o verán
Ademais das visitas escolares entre semana, desde o mes de febreiro o espazo infantil do Mercado, O Ganapán, acolleu todos os sábados (agás os de Sétima Feira) obradoiros familiares de natureza, arte e gastronomía.

Todos os sábados durante os meses de xullo e agosto, o Ganapán acollerá obradoiros de cociña para os nenos e nenas dentro do ciclo “Ganapán gourmet” .

Coa colaboración de Sabela Fariña, de La Artesa, desenvolveranse actividades de cociña e degustación gastronómica a partir dos produtos do mercado: carne, peixe, froitas, verduras, queixos, embutidos…

Cada día os asistentes irán mercar directamente os produtos, cociñaralos e, por suposto, comelos recen feitos. Patés vexetais, zumes, xeados, “smoothies”, mini hamburguesas gourmet, sobremesas, petiscos variados, tacos mexicanos, ceviches, receitas con algas, mariñados e escabeches de peixe… Propostas culinarias do máis variado para que as crianzas proben e aprendan a cociñar a gran variedade de produtos que hai no Mercado.

Os obradoiros están destinados a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos. Todos son de
balde mais para asistir é necesario reservar praza no email oganapan@mercado.gal ou
no teléfono 604.024.645 (tamén por Whatsapp)