O Concello traslada a Vaipolorío como se desenvolverán as obras do Gafos que comezan o luns

18

    • O alcalde e o concelleiro delegado do Ciclo da Auga mantiveron esta mañá unha reunión con representantes da asociación para explicarlles detidamente o proxecto.
    • Fernández Lores comprometeuse a facer un seguimento estricto da obra, para garantir a estanqueidade de toda a rede.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación Vaipolorío para presentarlles o proxecto de saneamento do río Gagos e para anunciarlles que os traballos comezarán este luns, 19 de xuño. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro delegado do Ciclo da Auga, Raimundo González e o enxeñeiro xefe do Concello, Jesús Gómez Viñas.

Lores destacou que “é unha obra moi necesaria e vai supoñer un antes e un despois nos verquidos urbanos”, e tamén adiantou que é intención do Concello “facer un seguimento estrito da obra”.

Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, asegurou esta mañá que “o saneamento é o punto máis importante para a asociación, dende o punto de vista biolóxico”, e tamén pediu que se complete o saneamento con outras actuacións río arriba.

O proxecto, ao que se tiñan presentado 18 empresas, será executado pola UTE Construtora Ediserpo S.L. – Ogminos Proyectos SL. ten un orzamento de 831.116,30 euros, o que supón unha rebaixa do 26,2% respecto ao prezo de licitación, 1.126.174,48 euros. Esta obra está incluída dentro dos convenios por saneamento asinados coa Deputación provincial.

A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais de Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.

Instalaranse 3.335 metros lineais de tubaxes: 2.687 metros dende o límite co concello de Vilaboa até a estación de autobuses e 648 metros lineais máis a cargo das melloras, dende a avenida de Vigo até a rúa Alcalde Hevia. Será un colector de PVC de 500 mm fronte aos de 400 de agora.

Polo que respecta aos pozos estancos, o que se fará é substituír os que hai de formigón e anelados por outros de corpo único. Vaise a actuar nun total de 129 pozos.

O proxecto en un prazo de execución de 9 meses.

A UTE tamén fará as dúas melloras que se incluían no proxecto de licitación: cambiar a rede de saneamento dende a estación de autobuses até a avenida de Vigo, por un colector de PVC de 500 mm (valor de licitación, 110.230 euros) e executar un novo colector entre a avenida de Vigo e a rúa Alcalde Hevia (valor, 141.486,14 euros).

COMPARTIR