Comeza a reforma da rúa Tristán de Montenegro, no centro histórico

7

    • Será o luns, e continuará pola rúa Pratería Vella. Ambas adxudicadas á empresa Ediserpo. Eirado de Albar Páez arrancará en dúas semanas a cargo de E.C.Casas.
    • Todas as obras fanse a cargo da inversión pública dos Fondos ARI que se destinarán a continuar rehabilitando o rueiro do centro histórico, ao igual que en Estribela.

O Concello de Pontevedra inicia o luns as obras de reforma da rúas incluídas dentro dos fondos ARI concedidos para o centro histórico da cidade. Arrancará por Tristán de Montenegro a cargo da empresa Ediserpo. Cabe lembrar que os fondos ARI teñen unha vertente pública que o Concello destina para continuar rehabilitando o rueiro do centro histórico.

Xunto a Tristán de Montenegro, tamén se reformarán as rúas Pratería Vella e Eirado de Albar Páez, perpendicular ás dúas anteriores. A rehabilitación das dúas primeiras, que se farán seguida unha da outra, ten un custe de 139.150 euros (o prezo de licitación era de 213.607 euros) e un prazo de execución de tres meses. A reforma de Eirado de Albar Páez comezará nunhas dúas semanas e a empresa adxudicataria da obra  é E.C.Casas.

A intervención en Tristán de Montenegro, ao igual que nas outras dúas rúas, pretende transformar un espazo público desaxeitado e obsoleto nunha zona para uso e gozo da veciñanza. Supón, polo tanto, a rexeneracións dos espazos urbanos que deberá garantir en todos os casos, á accesibilidade de tódolos cidadáns.

Unha vez recibida a autorización pertinente de Patrimonio, ponse en marcha o proxecto que inclúe a renovación completa do pavimentación que consistirá na execución de bandas de pedra que confinen un chan realizado con pedra tipo chapacuña.

Ao que os servizos respecta, están previstas as seguintes actuacións:

    • Rede soterrada de abastecemento de auga potable. Renovación total.
    • Rede soterrada separativa de augas sucias e pluviais.
    • Rede soterrada de gas natural. Non existe na actualidade. Porase unha rede que dea servizo á totalidade dos usuarios potenciais da zona.
    • Alumeado público. Na actualidade a canalización é aérea e substituirase por outra soterrada, ademais de acometerse a renovación completa das luminarias.
    • Canalización soterrada dos subministro de enerxía eléctrica.
    • Canalización de cable de fibra óptica. Realizarase a canalización soterrada en toda a rúa.

O Concello de Pontevedra recibiu 228.867 euros dos Fondos europeos xestionados polo Ministerio de Vivenda para o espazo público. Acordou priorizar as rúas Tristán de Montenegro, Pratería vella e Eirado de Albar Páez, ademais de facer un investimento de iluminación artística e novo valado do espazo arqueolóxico do Burgo, por valor de 44.000 euros.

2,1 millóns para o centro histórico e Estribela

O Concello de Pontevedra recibiu a mediados de 2015 a confirmación da aprobación das Áreas de Rehabilitación Integral solicitadas tanto para o centro histórico de Pontevedra  (a primeira fase) como do barrio de Estribela (6ª fase). A contía concedida foi de 2.148.924 euros, substancialmente inferior ao montante que reclamaba o Concello que solicitaba arredor de 6 millóns de euros para a rehabilitación de 46 edificacións e mellorar arredor de 187 vivendas.

Dos 2,1 millóns concedidos polo Ministerio de Vivenda, 1.784.681 euros foron para o centro histórico de Pontevedra; e 364.243 euros, para Estribela. Dos 2,1 millóns de euros o Ministerio achegará 750.000 euros; o Concello 322.188 euros; e a iniciativa privada 1.076.735 euros.

A obra pública realizada en Estribela a cargo da 6ª fase da ARI foron para rematar a rúa do Mercado, a rúa Comboa e unha parte da praza de Marqués de Valterra.

COMPARTIR