O Concello aplaude a decisión de adicar o Día das Letras 2018 a María Victoria Moreno

7

    • O Concello apoiou nestas semanas que este día fose adicado a unha muller, para facer xustiza ao gran peso da escrita das mulleres na historia da Galiza.
    • Congratúlase, especialmente, de que sexa adicado a unha pontevedresa.

O Concello de Pontevedra congratúlase pola decisión da Real Academia Galega de adicar o vindeiro Día das Letras galegas á escritora Maria Victoria Moreno Márquez, por un dobre motivo: por ter acordado que sexa unha escritora a protagonista das letras do vindeiro ano, facendo xustiza á toda a escrita liderada polas mulleres en Galiza; pero tamén por escoller a unha pontevedresa para ese día, o que permitirá que a cidade do Lérez volva a ser o centro da lingua galega no vindeiro ano.

Hai uns días, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores remitiu dúas cartas á Real Academia na que solicitaba que se fixeran eco unha sensibilidade social, plasmada en campaña pola Compañía Polo correo do vento, na que baixo o título “Propón unha muller” se pedía que a RAG adicara a unha escritora galega as Letras 2018. Finalmente, na xornada de onte enviou unha segunda misiva á RAG dándolle a coñecer o apoio de todos os grupos municipais de Pontevedra na Comisión Informativa de Cultura a esta campaña.

María Victoria Moreno Márquez será a cuarta muller homenaxeada no día das Letras, logo de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007), e de 54 anos de historia do Día das Letras Galegas. Formará parte do elenco de persoeiros homenaxeados, no seu caso pola súa longa traxectoria creativa pero tamén vital, que ela mesma resumía así: “A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua, é simplemente unha historia de amor”, tal e como dicía no congreso de Poetas alófonos en lingua galega no ano 1993.

Para máis información sobre a vida e obra de María Victoria Moreno: https://academia.gal/