A cidade recibe mañá a Fernando Cota, representante do Senado mexicano

    7

      • Visitará a cidade, manterá encontros co alcalde e a presidenta da Deputación, e unha reunión cos técnicos municipais para coñecer o modelo de cidade

    O Concello de Pontevedra recibe mañá ao secretario da Comisión de Desenvolvemento Urbano do Senado de México, Fernando Cota Acuña que poderá coñecer o modelo de cidade cunha visita polo centro urbano e tamén manterá reunións cos técnicos municipais, ademais de ser recibido polo alcalde e a presidenta da Deputación.

    O programa de traballo é o seguinte:

    10.00 horas. Porta do Concello. Fernando Cota visitará Pontevedra acompañado da tenente de alcalde, Carme da Silva e a concelleira de promoción da cidade, Anabel Gulías.

    11.15 horas. Recepción e reunión polo alcalde.

    12.00 horas. Sala de Comisións. Reunión co director xeral do Concello e a concelleira de Promoción da Cidade.

    13.00 horas. Pazo Provincial. Recepción e reunión pola presidenta da Deputación e o vicepresidente da Deputación, á que tamén asistirá o alcalde e a concelleira de Promoción da cidade.

    Nesta visita a Pontevedra Fernando Cota poderá coñecer in situ o modelo de cidade que a delegación de Pontevedra exporá no Senado mexicano a finais de agosto, coincidindo coa viaxe institucional e comercial que está a organizar para asistir a Expo-Pemes e participar nun relatorio sobre o modelo de cidade no Instituto Tecnolóxico Autónomo de México (ITAM).

    Foi o propio representante do Senado mexicano o que se puxo en contacto co Concello de Pontevedra, cando coñeceu a noticia de que a cidade do Lérez estaría en Cidade de México para participar na conferencia no ITAM.

    É coñecido, que dende o Senado mexicano se quere coñecer o modelo de desenvolvemento urbano de Pontevedra, especialmente no tocante a creación dunha cidade con preferencia peonil, sustentada en pemes e poñendo no centro da súa actuación o medio ambiente urbano.

    Fernando Cota considera que Pontevedra pode ser un modelo a seguir para moitas cidades mexicanas que, nestes momentos, se topan rehabilitando os seus centros históricos.