I Festa dos Libros, coa colaboración de 13 librarías

18
  • O evento organizado polo Concello de Pontevedra, desenvolverase do 23 ao 25 de xuño.
  • Na praza da Ferrería estarán as librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Nobel, Patakafrita, Paz e Seijas.
  • O programa de actividades inclúe presentacións de autores, sinaturas de libros, mesas redondas, recitais de poesía, contacontos, obradoiros e actuacións musicais

 

Pontevedra acollerá a última fin de semana de xuño a primeira edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores, libreiros e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento e convivencia entre o que escribe e propón e o que le e imaxina.

Os postos das trece librarías participantes -Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Nobel, Patakafrita, Paz e Seijas- estarán abertos o venres 23 e o sábado 24 de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 23.30 h e o domingo 25, de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.00 h e ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, así como sinaturas de libros nos seus respectivos espazos.

Festa da creación literaria

A concelleira de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, acompañado dunha ampla represetanción das librarías que estarán na Festa dos Libros sinalou que con esta iniciativa, o Concello de Pontevedra aposta polo fomento da lectura e da creación, e polo sector da cultura e do libro como motor de desenvolvemento e dinamización da cidade.

Destaca nesta I Festa dos Libros, que toma o relevo á tradicional Feira do Libro, o éxito de participación. “E a primeira vez que interveñen tantas librarías en eventos similares celebrados na cidade” coincidieron en sinalar a concelleira Carme da Silva e o libreiro Ángel Paz (Cano). Ademais a cita vai amosar. engadiu Paz, “a diversidade de orientación” das librarías de Pontevedra.

Durante esta festa da creación literaria na que os libros saen á rúa, terá lugar un amplo abano de actividades dirixidas a todo tipo de públicos, tales como presentacións de autores diversos, sinaturas de libros, mesas redondas, recitais de poesía, contacontos, obradoiros para maiores e pequenos, e actuacións musicais como as de Furious Monkey House, o Seminario Permanente de Jazz Trío ou Primordiais, o dúo formado por Luis Martíns e Marcelo DoBode nunha orixinal reinterpretación da tradición do país con aires improvisados e toques jazz.

Presentacións de libros

Entre as presentacións de libros máis destacadas figuran a da xornalista e escritora Marta Robles, que presentará e firmará exemplares do seu último libro A menos de cinco centímetros (Planeta), e a de Manuel Jabois, que fará o propio con Nos vemos en esta vida o en la otra (Planeta). Tamén estarán presentes a xornalista e directora do programa da Cadena SER “Hablar por Hablar” Macarena Berlín con Háblame bajito (SUMA) e María Oruña con Un lugar a donde ir (Planeta).

Ana Cabaleiro e o seu libro Sapos e sereas (Editorial Galaxia) serán os protagonistas da velada literaria “Viños e petiscos literarios” o venres pola tarde. E para os que son máis de tomar o vermú o domingo ao mediodía terá lugar o “Vermú da poesía”, con María Xesús Nogueira, acompañada de Antón Lopo, e a presentación-lectura de poemas da obra 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora / Papeles mínimos).

A memoria histórica tamén terá presenza nesta Festa dos Libros o venres pola tarde cunha mesa redonda na que participarán Montse Fajardo con Un cesto de mazás, Luís Bará con Non des a esquecemento e Susana Sánchez Aríns con Seique. Así mesmo, o domingo pola tarde desenvolveranse unhas “Lecturas Orgullosas”, con Eva Mejuto e Carlos Callón, co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBT o vindeiro 28 de xuño.

Sinaturas de libros

O sábado pola tarde, Defreds –o alias polo que se coñece ao vigués José A. Gómez Iglesias– asinará exemplares dos seus tres libros. O poeta 2.0 é un dos maiores expoñentes da capacidade de arrastre das redes sociais. Con miles de seguidores, likes e retweets, é capaz de xerar un gran polo de atracción entre os adolescentes coa súa prosa-poética sinxela e directa.

Pola súa banda, nos postos das librarías estarán asinando exemplares autores como Eduardo Baamonde, José Balboa, Iria Collazo, Luis Davila, Míriam Ferradáns, Nuria Figueiredo, Gogue, Francesco Iannelli e Kiko Dasilva, Migallas Teatro, Xosé Monteagudo, Manuel Pérez Lourido, David Pintos, María Prendes, Juan Prieto, Carmen Quinteiro, Salvador Rodríguez Pastoriza ou Alexander Vórtice.

Para o público infantil

Para o público infantil preparouse un amplo programa ao longo de toda a fin de semana. Polo correo do vento achegaranos a unha versión moi libre do libro O negriño Panchito, de Alfonso R. Castelao con Periplo Atlántico (Lela Edicións), contando e debuxando unha historia dun pingüín galego, chea de viaxes, perigos, amor e aventuras. Tamén haberá obradoiros de elaboración de marcapáxinas, de ex libris e de caracterización de personaxes de contos, a cargo de Risotadas, e o espectáculo infantil Volta, revolta e reviravolta de Maimiñas (domingo 25 a mediodía).

Arredor da guía de viaxes para nenos e nenas De paseo con Helena (Edicións Embora), Cristina Corral e Aurora Cascudo realizarán, o domingo pola tarde, un roteiro familiar polas rúas de Pontevedra que leva por título “Emprazadas” Os rapaces deberán ir acompañados dunha persona adulta, preferiblemente dos avós.

As inscricións para participar nestas actividades formalizaranse na zona de obradoiros desde media hora antes do seu inicio.

Outras actividades. Inscricións para O Paseo pola Pontevedra Literaria

Outro acto destacado será a celebración o sábado 24, ás 11.30 horas, dun Paseo pola Pontevedra Literaria, da man da poeta Lucía Novas. Para inscribirse cómpre enviar un correo electrónico a pontevedraliteraria@gmail.com indicando o nome completo e un teléfono de contacto. As prazas están limitadas a 50 persoas.

Ademais, desenvolverase un taller para adultos sobre papel e coiro para a restauración de libros antigos da man de BIC Materiales y Conservación, e José Manuel Pereiro –codirector da revista Luzes xunto a Manuel Rivas– dará a coñecer esta publicación literaria charlando sobre a tensión sexual non resolta entre o xornalismo e a literatura.