Formalizada a compra do local de Ferreirós para nova sede municipal

57

“Creemos que é un local que cumpre todas as condicións indispensables para resolver un problema de espazos municipais, mellorar obviamente a atención aos cidadáns e tamén mellorar as condicións de traballo dos funcionarios”. Neste senso manifestábase o alcalde Miguel Fernández Lores ao remate da sinatura de compra-venda do local da rúa Ferreiros á Afundación (Abanca). O local foi adquirido por un 1.152.000 euros.

Coa compra do local todos os servizos de Urbanismo e de Economía poderán estar unificados nunha soa planta, e non como na actualidade que están repartidos nos edificios de Churruchaos, o Teatro Principal, o edificio de Michelena e un alugado, en Xofre de Tenorio.

Fernández Lores subliñou que o novo local -1.300 metros cadrados, en dúas plantas (baixo e primeira planta)- está “no eixo Peregrina, Praza de España, Ferreiros, Chalé de Fontoira, “unha liña recta e totalmente accesíbel”. “Nós temos a responsabilidade de dar o mellor servizo aos veciños e veciñas e as mellores condicións aos traballadores municipais” engadiu o alcalde.