Lores avalía coa veciñanza as obras de saneamento feitas en Mourente

38
  • A veciñanza será informada nas próximas semanas de cando poderase facer o enganche
  • Instaláronse 5.000 metros de tubaxes e unha rede de recollida de augas pluviais de 850 metros

O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado polo concelleiro delegado de Mourente, Alberto Oubiña, achegouse á parroquia co fin de ver o resultado das obras de saneamento feitas e que levarán o servizo a 160 vivendas. A actuación da resposta a unha “demanda razoable” da veciñanza do lugar.

Unha vintena de veciños reuniuse co alcalde e o concelleiro para lles amosar a súa satisfacción por unha obra que vai a conducir as augas vertidas nos lugares do Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados. No encontro estaban tamén representantes da empresa que fixo os traballos, CivisGlobal.

Fernández Lores informou aos veciños que xa se está a facer toda a tramitación administrativa precisa para que podan engancharse á rede de saneamento canto antes. Nas próximas semanas daráselles aviso. Os veciños transmitiron ao alcalde o seu desexo de que regresase ao lugar co fin de manter unha xuntanza de celebración.

As obras de saneamento realizadas incluíron a instalación de 5.000 metros lineais de tubaxes – á que se sumou unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais-  no tramo da estrada Pontevedra- Ourense, comprendido entre os quilómetros 88 e 90. Falamos da instalación de tubos de 400 mm cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.

A rede de saneamento de Mourente é a última obra do convenio de colaboración asinado no seu día con Fomento. Rematada a instalación do saneamento queda pendente a construción das beirarrúas e as medidas de seguridade viaria comprometidas.