A peatonalización e revitalización do centro histórico, de premio

63
  • AGECU, asociación estatal con máis de 100 profesionais comprometidos co comercio urbano, outórgalle o distinción á “Iniciativa de Intervención no Espazo Urbano”
  • A concelleira Anabel Gulías, subliña o feito de que AGECU ve no mantemento da calidade de vida un factor indispensábel para desenvolver o comercio de proximidade e a actividade económica en xeral
  •  O Concello recollerá o recoñecemento en Valencia, o 10 de xullo, e terá ao carón á Asociación CCU Zona Monumental, que apoiou dende o primeiro momento o proxecto de transformación urbana liderada por Lores

    Pontevedra suma un novo recoñecemento, anunciou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. Trátase do premio 2016/2017 a “Iniciativa de intervención no espazo urbano” da Asociación Española para la Gerencia de los Centros Urbanos (AGECU) que distingue “o proxecto de peonalización do centro histórico da cidade, que permitiu recuperar o espazo público para o cidadán e converter a Pontevedra nun modelo de referencia internacional a nivel de intervención urbana”.

    AGECU é unha asociación estatal que reúne a máis de 100 profesionais vencellados e comprometidos co comercio urbano e que constitúe un punto de encontro, unha rede profesional de debate e análise que tenta dar resposta a diversidade de situacións que teñen os centros urbanos no estado ( https://www.agecu.es )

    A concelleira Anabel Gulías puxo a énfase na filosofía da AGECU que naceu no ano 1999 en defensa dun modelo de cidade “sostíbel, a escola das persoas e vibrante” ao que axustaríase Pontevedra. “ Para nós é moi importante que definan o mantemento da calidade de vida como factor indispensábel para activar e desenvolver o comercio de proximidade en particular e actividade económica en xeral” subliñou a concelleira de Promoción Económica que tiña ao carón ao secretario da Asociación CCU Zona Monumental, Ernesto Filgueira.

    Pontevedra (o alcalde Miguel Fernández Lores ou a propia concelleira Anabel Gulías) recollerá o premio AGECU en Valencia o próximo 10 de xullo. O Concello convidará ao acto á CCU Zona Monumental, a asociación de comerciantes que apoiou dende o primeiro momento o proxecto de transformación urbana que fixo do modelo-Pontevedra un referente. “Un dos primeiros aliados que tivemos”,en palabras Anabel Gulías.

    Ernesto Filgueira botou a vista atrás para lembrar cando “o Concello ao fronte e un grupo de persoas apostamos por outra cidade, que hoxe non ten volta atrás”. “A vida económica, cultural, social e veciñal ten que seguir manténdose nas cidades e para iso hai que dotala dos mellores servizos e diversificar os seus usos” subliñou o comerciante e secretario da Asociación CCU-Zona Monumental.

    Filgueira sinalou que “hai uns anos Pontevedra non existía nos mapas, só nos físicos da escola, pero non en outros. Turísticamente ninguén a coñecía e só hai que saír hoxe a rúa para comprobar que isto cambiou”. Para o representante dos comerciantes do centro histórico Pontevedra ten futuro e ligado ao comercio, hostalería e á cultura.