Consellos da Muller Nova nos institutos, unha rede pioneira en Galiza

30
  • Carme Fouces, concelleira de Educación e Igualdade confia no poder transformador da educación para construír a igualdade
  •  A Xunta pon a dispór do proxecto un docente por centro para coordinar o traballo dos consellos, nos que as mozas e mozos serán os protagonistas

Convencida do poder transformador da educación, a concelleira de Educación e Igualdade, Carme Fouces decidiu promover a creación de Consellos da Muller Nova nos institutos públicos da cidade, acadando a necesaria complicidade da Consellería de Educación que porá a disposición do proxecto un docente por centro adicado á coordinación deste órgano de debate, formación, reflexión e propostas arredor da igualdade e de loita contra a violencia machista no que os protagonistas serán as mozas e mozos.

O Concello, pola súa banda, dará formación en igualdade ao alumnado e profesorado participante, fornecerá de actividades o proxecto e impulsará a participación.

A concelleira Carme Fouces, acompañada polo xefe territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares e dous estudantes do IES Sánchez Cantón que traballaron este curso na visibilización da desigualdade e violencia de xénero presentaron a posta en marcha desta rede escolar de Consellos da Muller Nova, un proxecto pioneiro en Galiza e que nace co obxectivo de axudar a construír un presente e un futuro en igualdade. Non hai que esquecer, engade a concelleira, que polos institutos “pasa o 100% da poboación, polo que a onda expansiva e imparable”.

“Os mozos e mozas serán axentes de igualdade nos seus centros” sinalou a concelleira Carme Fouces quen non dubida de que a acción dos consellos “favorecerá un ambiente de traballo e aprendizaxe cun baixo índice de conflitos e cun fomento activo da tolerancia e a cooperación”.

Os Consellos da Muller Nova serán realidade a partir do mes de setembro. E arrancan cun primeiro trimestre do curso que asentará os piares do proxecto. Neste primeiro trimestre, docentes e estudantes recibirán formación en igualdade; os consellos promoverán unha auditoría de Igualdade nos centros educativos co fin de ter unha diagnoses certeira da situación e rematarán cunha xuntanza de avaliación.

Co segundo trimestre chegarán as actividades e á visbilización do traballo feito polos consellos, con intervencións e programas en medios de comunicación incluídos e unha valoración ao final do curso.

En setembro de 2018, co inicio do curso académico, celebrarase o I Congreso de Igualdade no que exporase a experiencia do curso 2017-2018 e tomarán o testigo dos consellos novos participantes.

A Concellería de Educación e Igualdade estuda coa Universidade a posibilidade de que, a medio prazo, fagan un análise do antes e despois da transformación da vida dos institutos e das contornas das mozas e mozos que participaron dun xeito activo nos Consellos da Muller Nova.