Mosquera: “Expulsar ás persoas do espazo público e da mesma gravidade que expulsalas da educación ou sanidade”

20
  • O concelleiro de Infraestruturas presenta a estratexia urbana que fixo do modelo Pontevedra un referente internacional no 23º Fórum Barcelona de Seguridade Viaria

“Os espazos públicos urbanos, as rúas e prazas, constitúen, por un lado un servizo público básico, da mesma orde que a educación e a sanidade e por outro son un dereito elemental das persoas que viven ou están na cidade. Expulsar ás persoas, aos cidadáns dos espazos públicos é da mesma gravidade e inxustiza que expulsalos do acceso á educación ou a sanidade”. Partindo desta premisa Pontevedra puxo en marcha no ano 1999 unha estratexia urbana que “na terminoloxía actual poderíamos definila como a Visión 0 vítimas, 0 expulsados e 0 asfixiados”.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, tomou a palabra no 23º Fórum Barcelona de Seguridade Viaria, no que Pontevedra foi a única cidade convidada para expor o seu modelo urbano. O Fórum xirou arredor da “Visión 0” a iniciativa de Suecia – asumida como obxectivo pola Unión Europea- que mantén que é inaceptábel a morte de persoas por accidentes de tráfico polo que hai que actuar dun xeito transversal (deseño e mantemento das estradas, transporte público, control da velocidade, do planeamento urbano…) para combater a siniestralidade viaria.

Co obxectivo de transformar Pontevedra e acadar os estándares de calidade de vida e urbana que fan dela un referente no mundo, “tivemos que actuar con decisión, determinación, con coherencia” indicou o concelleiro de Infraestruturas, piar básico na formulación, deseño e aplicación do modelo de cidade. César Mosquera fixo un repaso polo miúdo da estratexia “Visión 0 vítimas, 0 expulsados e 0 asfixiados”, das medidas adoptadas co fin de acadar o éxito, medible en beneficios para a saúde e benestar urbano.

Os peóns (as persoas) primeiro.

Medidas adoptadas para garantir a seguranza viaria:
– Instalación de pasos de peóns elevados, a nivel beirarrúa: arredor de 400 urbanos e máis de 700 en todo o concello. Se fixeramos unha extrapolación serían arredor de 10.000 en Barcelona.
– Velocidade máxima: 30 km/hora en todo o territorio e 20 km/h en amplas zonas céntricas (espazos de convivencia peón-bici-vehículo) e barrios residenciais.
– Limitación do tráfico urbano aos tráficos de necesidade, nha redución de tráfico do 50% no conxunto da cidade e de ata un 79% no centro.

Resultados:

Vítimas de violencia viaria: Pontevedra 0 mortos e 140 feridos -os máis, de carácter leve- no 2015. No mesmo tempo 30 mortos e 10.650 en Barcelona. Se falamos de atropelos, a cidade non rexistra ninguna víctima mortal dende o ano 2011.

Os expulsados: Avalíase neste caso a percepción de inseguridade, incomodidade e ruído. Todas as pesoas, e de xeito especial as máis vulnerables -nenos e nenas, maiores, persoas con problemas de mobilidade, etc.- foxen dos ambientes hostís. Inda que difícil de medir hai efectos visibles nas entornas amábeis, accesíbels e seguras. Por exemplo, en Pontevedra os nenos e nenas van andando ao colexio, case a metade sós e xogan nas prazas e rúas; os maiores ocupan os espazos públicos como se fose a extensión da casa.

Os asfixiados. Estimacións do Ajuntament de Barcelona falan de arredor de 650 mortes prematuras pola contaminación. En Pontevedra non hai estimacións neste senso mais temos constatado que o ar cumpre os parámetros de calidade fixados pola OMS, os máis restrictivos, todos os días do ano.

O Fórum Barcelona de Seguridade Viaria é un encontro de análise e debate de responsábeis políticos e especialistas en transporte, estradas e seguridade. Está organizado polo RACC, P(A)T, Ajuntament de Barcelona e Generalitat de Catalunya.

COMPARTIR