Comezan os proxectos de calmado de tráfico nos colexios de Lérez, Lourizán e San Martiño, en Salcedo

128

    • Mañá comezarán os traballos para levar adiante o Plan de calmado de tráfico en Santa María de Xeve con 14 lombos nas vías municipais

O Concello continúa nestes días estendendo a calidade urbana aos rural municipal a través de dous proxectos: o calmado de tráfico no entorno dos centros de ensino de Lérez, Lourizán e San Martiño (Salcedo) e a implantación do Plan de calmado de tráfico na parroquia de Santa María de Xeve nas vías municipais.

A actuación na contorna do colexio da Carballeira foi adxudicada a empresa Ediserpo por 90.146 euros e un prazo de execución de 3 meses. Crearase un itinerario peonil que garanta o acceso seguro dos nenos e nenas que van ao colexio dende a avenida de Montero Ríos até o CEIP A Carballeira.

A maior parte do trazado discorre de xeito diferenciado e delimitado, separado do tráfico rodado. Nestes tramos farase a sinalización vertical e horizontal pertinente (pintura de poliuretano en roxo no pavimento, sinais termo adherentes para restrición del uso peonil …) e ensanchamentos puntuais que permitan acadar a reordenación de tráficos e o ancho mínimo para dotar o camiño dese itinerario peonil.

No tramo de acceso ao colexio, formúlase a coexistencia de tráficos -con preferencia peonil- polas reducidas dimensións do vial. Neste caso pavimentarase o tramo cunha mistura bituminosa en roxo e a sinalización axeitada.

No colexio de San Bieito en Lérez, as obras foron adxudicadas a Naturgalia por 103.455 euros. Ao igual que no caso anterior o prazo de execución é de tres meses.

Farase a rehabilitación do pavimento do vial cunha capa de mistura bituminosa en vermello e delimitarase un itinerario de uso peonil (marcas nos viais, sinais termo-adherentes no pavimento, sinais verticais…) que garanta a circulación segura dos nenos e nenas e demais persoas na contorna do colexio.

Instalaranse “lombos” redutores de velocidade no acceso cara Cimbelo para garantir o cumprimento dos límites de velocidades.

No CEIP San Martiño, en Salcedo, farase un investimento de 110.492,62 euros e executará a obra a empresa Covsa durante 3 meses. Neste caso a actuación de calmado de tráfico e reordenación do tráfico ten previsto retirar o actual e desordenado aparcamento que hai diante do CEIP e acoutarase o lateral da vía con cabida para 31 prazas, mentres que o camiño que baixa do Pazo ao colexio será peonil. Son algo máis de 120 metros de vía.

Instalaranse tres redutores de velocidade (lombos)e a velocidade será 20 co fin de garantir a seguridade dos nenos e nenas.

Plan integral de calmado de tráfico en Santa María de Xeve

Nesta semana tamén comezarán os traballos para instalar o Plan integral de calmado de tráfico na parroquia de Santa María de Xeve, onde están previsto instalar 14 lombos nas vías municipais, tal e como se ten acordado coas entidades e asociacións da parroquia no Consello parroquial.

A empresa Covsa será a encargada de executar a obra por uns 50.000 euros.

Intervirase na contorna dos lugares de gran afluencia de persoas como na Igrexa, na Casa da Cultura ou o acceso ao Centro Social.