Nomeamento de Sabino Torres fillo predilecto de Pontevedra

11

Representantes institucionais e veciñais, familia de Sabino, amigas e amigos, moi boa tarde.

Hoxe é un día de lembranza dun home bo, dun pontevedrés íntegro, dun fillo querido, predilecto, desta cidade que tanto amou.

Hoxe é un día para o recoñecemento e a gratitude que merecen as persoas como Sabino Torres que deixan tras de si un ronsel fecundo de feitos, de ideas, de sentimentos e de emocións.

Quen tivemos a sorte de coñecelo e de compartir con el conversas, proxectos e ilusións, sabemos que unha das paixóns máis grandes que alimentou na vida foi precisamente Pontevedra, a súa cidade, na que gozaba e gustaba de volver.

Podemos dicir que tivo con Pontevedra unha intensa e duradeira relación de amor. Seguro que complexa e cambiante, de ida e de volta, mais sempre apaixonada, leal, auténtica, verdadeira.

Houbo nesa relación momentos de distanciamento e de retorno, de ida e de volta, de soños e desilusións. Mais soubemos que lle preocupaba e interesaba todo o que acontecía aquí e por iso chegou a idear, con case oitenta anos, unha revista para contar os cambios, as transformacións, os proxectos, os soños que estaba a vivir a súa querida Pontevedra.

Porque esa era outras das súas grandes paixóns, que o acompañou ao longo da vida. Escribir e crear plataformas para a escrita. O xornalismo, a literatura, a edición. Desde a primeira infancia das Gráficas Torres, os tempos de Finisterre e Ciudad, a colección Benito Soto, a editorial Hipocampo Amigo, Litoral das Rías, a revista OLGA… A paixón de escribir e sobre todo a paixón de crear espazos para o xornalismo e a literatura, proxectos para que as vellas e novas xeracións puidesen ver publicadas as súas obras.

Unha xigantesca colleita para Pontevedra e a para as letras galegas como promotor, animador, editor, poeta, narrador, articulista, ensaista que tamén queremos agradecer e recoñecer con este nomeamento como fillo predilecto da súa cidade.

Hoxe é un día de memoria e de lembranza.

Mais a memoria non debe ser só unha mirada nostálxica cara ao pasado. Ten que ser un libro aberto no que saibamos ler e escribir o relato do porvir. E temos que ser quen de facelo recollendo o legado que nos deixaron persoas como Sabino Torres.

Cando falta unha persoa coma el sentimos un inmenso baleiro. Mais as persoas xenerosas pensan nos demais e por iso agasallounos con unha inmensa herdanza colectiva de feitos, de obras, de sentimentos e de emocións.

O legado de Sabino Torres é en verdade grande e é froito das súas múltiples dimensións: a creativa, a intelectual e a humana.

E ainda que súa obra máis coñecida teña que ver coa faceta como editor, xornalista, poeta ou narrador, eu quero hoxe salientar a súa dimensión humana.

O entusiasmo e a vitalidade que era quen de poñer nos proxectos que emprendía, e que sabía transmitir  aos que o acompañaban na travesía.

O espírito emprendedor, aventureiro, soñador  que mantivo en pé ao longo da súa vida, rompendo moldes e abrindo camiños novos para as letras galegas. Desde os tempos da mocidade pontevedresa até os da madurez madrileña-galega. Desde Benito Soto a Hipocampo Amigo. De Litoral a OLGA. Un traballo de equipo, que el sabía dirixir con mestría, amabilidade e inxenio.

A súa personalidade vital, animosa e entusiasta. Capaz de sobrepoñerse ás dificultades, superar o fracaso e a decepción e iniciar novas andainas. Erguerse e volver a comezar o camiño, unha e outra vez, con teimosía e determinación. Porque Sabino non se rendiu nunca, nin ante a vida nin ante a enfermidade definitiva. E foi un exemplo até o final dos seus días.

Foino tamén pola súa amabilidade, o carácter aberto e xovial e xuvenil. Pola intelixencia e o sentido do humor, polo gusto pola conversa e o cultivo da amizade.

En definitiva, a súa dignidade, elegancia e humanidade, xunto coa súa ampla e rica obra intelectual e literaria, constituen un valioso legado que temos a obriga de coidar, conservar e transmitir.

Coa concesión do titulo de fillo adoptivo de Pontevedra damos o primeiro paso desta tarefa, a de manter vivo o seu legado e a de pagar a grande débeda que para sempre esta cidade ten con Sabino Torres Ferrer.

Moitas grazas!