O Concello instalará 688 bigas para estabilizar o paseo do Lérez ao carón da praia fluvial

128

O Concello de Pontevedra executará nas vindeiras semanas traballos de estabilización do noiro no paseo do río Lérez, na súa marxe esquerda, entre a praia fluvial e o remate do muro de contención do paseo. É dicir, na parte natural do paseo antes de chegar á praia.

Durante os traballos de mantemento habituais que se fan na zona, detectáronse fendas no paseo e no carril-bici habilitado recentemente debido a que o noiro vaise desprazando lentamente pola á erosión da auga.

O Concello acordou manter o noiro en terra e herba, deixando así o seu estado orixinario, pero para iso deberá realizar traballos para reforzar o paseo e o carril-bici, que se ben presenta fendas, non supón risco ningún para ciclistas ou paseantes.

Os traballos valorados en 43.136,75 euros, consistirán en fincar no paseo 688 bigas de formigón de 2,5 metros de lonxitude nos aproximadamente 300 metros de distancia deste treito do paseo. As bigas colocaranse verticalmente a unha distancia de 40 centímetros. E os sobrantes -en superficie- eliminaranse.

A solución de enxeñería acadada polos técnicos municipais tamén supón calzar ben o noiro e explanar a beirarrúa.

O concelleiro delegado de Obras, Demetrio Gómez explicou que as obras poderán comezarse neste mes de xullo, polo que pide a colaboración dos usuarios do paseo, e pide desculpas en nome da administración polos inconvenientes que poidan causar as obras.

COMPARTIR