Conde de Bugallal súmase á tecnoloxía Led implantada no barrio da Parda

27

    • Substituíronse 71 luminarias, ademais de sanear, limpar e pintar todos os báculos, así como adecuar as liñas e a reparación dos cadros eléctricos.

O Concello de Pontevedra vén de substituír por tecnoloxía led todo o alumeado público da rúa Conde Bugallal, no barrio da Parda, seguindo coa política de ir estendendo os estándares de calidade urbana a todos os barrios da cidade, e ir completando a rede de iluminación pública led de Pontevedra.

A actuación incluíu o saneamento, limpeza e pintado de 71 báculos de luz, e instalación de luminarias de tecnoloxía led, adecuación de lineas e reparación de cadros segundo normativa vixente.

O traballo consistiu en concentrar na beirarrúa dereita de Conde de Bugallal (sentido O Marco) todos os farois (até o de agora estaban en ambolas dúas beirarrúas); e á esquerda mantivo os actuais alumeados das áreas residenciais.

Coa substitución por luces led na rúa Conde de Bugalla conséguese un aforro medio duns 89.900 kw/ano o que porcentualmente supon un aforro do 80% do consumo. O aforro total, incluíndo o aforro de enerxía é de 18.045 euros/ano.

O Concello de Pontevedra leva traballando no barrio da Parda dende primeiros de ano para trocar as luminarias convencionais (na maioría de sodio) por iluminación led. É un traballo que xa se fixo nas rúas Xoán Carlos I, Maruxa Maio, Gaiteiro Ricardo Portela, Diego Sarmiento Acuña, Abundancia ou rúa do Campo Santo.

É un traballo que se vai facendo paseniñamente xa que se trata de fortes investimentos, pero o Goberno ten a aposta decidida de levar os estándares de calidade urbana a todos os barrios urbanos.

Características do led

A tecnoloxía led é de alta calidade e rendemento que permite dirixir á luz con precisión á área que se quere iluminar e evita a luz intrusa (nas vivendas, por exemplo) e tamén a contaminación lumínica. Ademais, na iluminación led a ausencia de radiación infravermella e ultravioleta, garanten a calidade da luz.

Tamén é coñecido a alta resistencia e durabilidade da tecnoloxía led con máis de 80.000 horas de luz e con maior rapidez de resposta: cun acendido instantáneo, entre outras características.