Culturgal celebra a súa 10ª edición con Portugal como cultura convidada

15
  • A Feira, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro e que xa ten máis da metade do espazo reservado, estrea ademais un espazo de arte contemporánea

O tempo pasa. E Culturgal xa é Culturgal 10. Nunha edición especial, a Feira das Industrias Culturais volve ao Pazo da Cultura de Pontevedra coa aposta de seguir sendo un espazo de mediación entre empresas, institucións e públicos da cultura. Neste Cultugal 10º aniversario ademais ábrense novos camiños con Portugal,que será cultura convidada e co compromiso e ilusión de entidades e xestores lusos que xa confirmaron a súa participación. Do 1 ao 3 de decembro, o recinto feiral de Pontevedra será de novo o mellor escenario para un Culturgal que, ademais, estrea un espazo dedicado á arte contemporánea. Máis do 50% do espazo feiral xa está reservado. A imaxe e as liñas desta edición foron presentadas en Pontevedra este xoves 6 de xullo cos seus patrocinadores.

Como reseña Manuel Bragado, editor e presidente de Culturgal, a Feira ten “os pés ben chantados sobre os seus alicerces e cada edición debe continuar mellorando, innovando e sorprendendo”. A Feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación. Con nove edicións ás costas “xa podemos dicir que hai nenas e nenos que creceron con Culturgal”, apunta Bragado. E seguindo co paralelismo das idades, o presidente de Culturgal reseña que a Feira xa é “adulta” e que debe afrontar novos retos. “Estamos convencidos da necesidade de abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes”.

Nesta edición 2017 a Feira aposta, tras meses de traballo, polo convite a Portugal como cultura convidada, un intento serio, segundo apuntaron Bragado e o director da Feira, Xosé Aldea, de establecer relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas. Aínda que desde o nacemento da Feira, a cultura producida no país veciño tivo presenzas máis puntuais no recinto e na programación, en 2017 comparece en Pontevedra como unha marca conxunta para institucións, empresas e creadores portugueses. A cultura portuguesa visibilizarase a través de expositores, concertos, presentacions, etc, co apoio da Secretaría de Estado da Cultura e colaboracións como a establecida coa Bienal de Arte de Vilanova da Cerveira, unha referencia artística en Portugal.

O deseño da Feira en 2017 consolida as melloras incorporadas na circulación dos públicos, con dous corredores principais e novas distribucións para os stands. En 2016 máis de oitenta entidades ocuparon cen stands estándar, esgotándose a venda de espazo feiral no verán. En 2017, nesta altura, máis da metade do espazo feiral xa está reservado. Nos últimos anos, o stand consolidouse como un espazo con capacidade para xerar novidade, produto en directo e espectáculo; a programación dos stands compite xa en intensidade coa programación oficial da Feira. En xuño de 2017 lanzáronse as convocatorias para expositores e programación, cuxas actividades saen en boa parte das propostas das empresas expositoras. Tamén se abriron as convocatorias para os espectáculos especiais do Culturgal 10º aniversario. O obxectivo, un ano máis, que esta sexa a feira dos mil cruzamentos e conexións entre público e creación.

Un espazo para a arte
Desde 2014, co apoio da Deputación de Pontevedra, o equipo da Feira, dirixido por Xosé Aldea, decidiu achegarse á arte contemporánea a través de diferentes mostras colectivas desenvolvidas na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Nelas, baixo o comisariado de Antón Sobral e Paula Cabaleiro e ao redor do libro de artista, a arquitectura ou a paisaxe, participaron boa parte dos artistas galegos, tanto consolidados como emerxentes. En 2017, a Feira transforma o formato dedicado á arte establecendo un Espazo de Arte Contemporánea na que xa teñen confirmada a súa presenza o Museo de Pontevedra, CGAC ou Bienal de Vilanova de Cerveira.

Encomendado aos mesmos comisarios, este espazo contará con expositores e programación propias. O obxectivo é implicar aos diferentes axentes que operan neste ámbito: artistas, galerías, estudantes, docentes, críticos, etc, para tomarlle o pulso ao campo artístico a través de intervencións, presentacións e coloquios e normalizar a visibilidade da artes e as súas dinámicas, tal como Culturgal procede con outros sectores da cultura. En Pontevedra atópase ademais a única Facultade de Belas Artes de Galicia, integrada na Universidade de Vigo. Desde a Deputación de Pontevedra, o deputado Xosé Leal, remarcou a importancia que pode ter este espazo para proxectar o traballo de novos artistas.

Culturgal, 10 anos, 10 Feiras
A primeira edición de Culturgal tivo lugar en maio de 2007 en Pontevedra, impulsada fundamentalmente polos editores de Galicia. En 2008 celebrouse na Coruña. Tras un ano baldío, diferentes asociacións gremiais deciden constituír a asociación Culturgal en 2010 para dar estabilidade ao proxecto, que ese mesmo ano volve a Pontevedra para quedar. Hoxe forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, remarcou que a cidade anfitriona quere ser “facilitadora” da creación e produción cultural. “É unha honra chegar á decima edición e unha honra que Cultugal siga tendo a súa casa en Pontevedra”, comentou a concelleira, que lanzou o desafío ao equipo da Feira de afianzar proxectos de “cultura inclusiva” e de ter en conta que máis dun 60% das visitantes de Culturgal son mulleres.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, pechou o acto sinalando que Culturgal segue sendo un proxecto estratéxico para a administración galega. Cita “para a cultura de base, a local, a provincial, a que conecta co ámbito internacional, imprescindible”, indicou para engadir que a Feira cada ano evoluciona e innova, alonxada dun modelo compracente ou contemplativo. Culturgal consolida ademais un modelo de colaboración entre as empresas galegas dos diversos sectores da cultura e os poderes públicos (Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Educación, Cultura e Deporte), que achegan o seu patrocinio, sen menoscabo das axudas dos patrocinadores privados e da corresponsabilidade asumida por quince mil visitantes e un cento de expositores.

Culturgal converteuse para persoas, colectivos e entidades públicas e privadas nun espazo de referencia. Nas palabras do presidente de Culturgal, Manuel Bragado, “un espazo confortable e novidoso, onde durante tres intensas xornadas a cultura e a creatividade galegas se presentan como unha comunidade aberta, fraterna, diversa e plural, capaz de contaxiar entusiasmo e orgullo colectivo pola súa oferta, ao tempo que polo proxecto que de forma colectiva e responsable enxerga o futuro”.