Mulleres de conto, tema do XIX Salón do Libro infantil e Xuvenil en abril de 2017

19

    • A Concellaría busca a internacionalización desta edición creando un concurso internacional de ilustración para que sexa a imaxe do Salón, e tamén nomearase a México como país convidado do que se achegarán libros, autores, editores…
    • Preténdese achegar a lectura á mocidade potenciando os clubs dos centros de ensino, ou creándoos nos institutos nos que non existan.
    • Nesta edición haberá unha estreita colaboración coa Universidade para que alumnos dos centros poidan facer prácticas durante o Salón.

“Mulleres de conto” será a temática da XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará do 6 ao 29 de abril do vindeiro ano. A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou esta mañá os obxectivos cos que o seu departamento traballa para aquela cita que, nesta ocasión, busca internacionalizarse.

A escolla desta temática, respaldada por todos profesionais dos centros de ensino que colaboran na organización do Salón do Libro, pretende enfocar e analizar a Literatura Infantil e Xuvenil con perspectiva de xénero, promovendo o debate e a reflexión, pero especialmente o papel das mulleres na Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), tanto como personaxes dos libros, como autoras, ilustradoras e tamén no mundo do libro nun contexto máis amplo: editoras, libreiras, bibliotecarias, mediadoras… A figura de María Victoria Moreno, como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, terá tamén unha especial relevancia dentro das accións que se están a programar para este salón.

Apoiado nun traballo de case dúas décadas co que o Salón do Libro se consolidou, claramente, coma o evento de Literatura Infantil e Xuvenil máis importante de Galiza e un dos máis relevantes do Estado, o Concello de Pontevedra decidiu apostar por iniciar unha nova etapa na que a internacionalización e a captación do lectorado adolescente serán os dous obxectivos principais.

A internacionalización do Salón virá apoiada pola convocatoria dun concurso internacional de ilustración, que se convocará, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, despois do verán para seleccionar a imaxe do cartel da edición do 2018. O xurado reunirase en novembro, e se dará a coñecer a nova imaxe do salón en decembro.

Este ano tamén se incorporará un país convidado, que aproveitando as sinerxias con outros deportamentos municipais, será México. Está previsto traer libros, autores e autoras, ilustradores/as e editores/as, coa finalidade de achegar as crianzas á cultura literaria de distintos países do mundo, así como establecer alianzas estratéxicas que permitan aumentar a colaboración, nun camiño de ida e volta, entre a LIX galega e a de México, neste caso.

Achegar o lectorado mozo ao Salón será outro dos grandes retos da XIX edición. Para iso, establecerase unha rede cos clubs de lectura xa existentes nos institutos e se fomentará crear, ao abeiro do Salón, novos clubs de lectura para a mocidade. As actividades vinculadas á banda deseñada e ás novas tecnoloxías, aplicadas á promoción da lectura e aos propio libros como obxecto –APPS de lectura interactiva, libros dixitais, lectura e realidade aumentada…- centrarán a estratexia para captar a atención do público xuvenil.

Neste mes xa se teñen iniciado conversas coa Universidade, tanto a través da Facultade de Belas Artes, da de Comunicación Audiovisual e de Ciencias da Educación para realizar convenios de prácticas e colaboración, e accións formativas para docentes, mozos e mozas e estudantado universitario ao redor da Literatura Infanto-xuvenil.

Ademaisdo Salón que se celebrará entre o 6 e o 29 de abril, realizaranse accións formativas e diversas actividades ao redor da LIX durante todo o ano en diversos lugares da cidade, implicando a todos os axentes do mundo do libro: de creadores e creadores, a lectorado, editoras, librerías e ao mundo da ilustración, que terá unha destacada visibilidade dentro do evento.

COMPARTIR