O Concello apoia ao grupo de voluntarios anti-velutinas do rural

758

    • O Concello facilítalles material para achegarse aos niños e tamén a coordinación dos veciños co grupo de voluntarios a través do Departamento de Medio Ambiente Natural.

O Concello de Pontevedra colabora co grupo de voluntariado anti-velutina que se creou nas parroquias do rural pontevedrés para tratar de reducir os ataques desta praga no concello. A través do Departamento de Medio Ambiente Natural, o Concello puxo en marcha un protocolo de actuación no caso de descubrir un niño de vespa asiática no rural, xa que nas zonas urbanas a encargada da retirada destes niños é a Xunta de Galicia a través dun protocolo específico en colaboración co 112 e os bombeiros.

No caso de que un veciño descubra un niño deste tipo de vespa, o Concello solicita a súa colaboración enviando a localización en GPS do niño ao whatsapp do teléfono 679 411 930 (teléfono de Medio Ambiente Natural que non recibe chamadas, só atende mensaxes). O departamento porase en contacto co grupo de voluntarios encargados de retirar os niños para darlles a situación exacta.

O grupo de voluntarios está formado, neste momento, por 15 persoas, a maior parte apicultores do concello, que teñen o municipio distribuido en cinco zonas nas que actuar. Van protexidos con traxes especiais, pértegas, gorros, insecticidas… material facilitado polo Concello.

A praga de vespa velutina é moi perigosa tanto para as persoas, como para as hortas, e tamén para as propias vespas doutras especies, xa que acaban converténdose en alimento das asiáticas, exterminando as poboacións de vespas.

Na presentación desta mañá, un dos apicultores voluntarios, José María Domínguez, explicaba que do 7 de xullo até o hoxe marcaron 17 niños en parroquias como Lérez, Campañó, Salcedo, Bora… E animan a toda a poboación a que dea alertas para tratar de porlle freo á situación.

Ademais de dar alertas, os veciños tamén poden integrar este grupo de voluntarios chamando ao teléfono 986 100 185 ext: 7584.

Indicacións velutina