O Municipal resolve a accesibilidade universal para todos os espectadores

32

    • O proxecto segue o criterio da mínima intervención para tratar de conservar a estrutura tal e a como a concibiu Alejandro de la Sota.
    • O Concello plantea reducir a pendente das ramplas de acceso, instalar un ascensor e aseos adaptados na zona da billeteira, ademais dunha ventá específica para persoas con mobilidade reducida.
    • Creánse aseos para ostomizados no soto, e refórmanse os palcos para que sexan accesíbles.

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos coñeceu esta mañá o proxecto de mellora da accesibilidade do Pavillón Municipal de Deportes na que traballa o Goberno Local. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou esta mañá que se trata dunha intervención coidadosa que tratará de resolver -na medida do posible- a accesibilidade universal no edificio conservando a protección que merece.

Lembrou que se trata dunha instalación dunha época na que non se tiña en conta a accesibilidade, a mobilidade universal e a necesidade dunha vida independente, polo tanto hai persoas que non poden empregar esta instalación. Ao tempo, non se pode facer calquera intervención dado o carácter de edificio protexido e emblemático da cidade, de aí a obriga de conservalo tal e como o concibiu Alejandro de la Sota.

O propósito é garantir que todas as persoas poidan asistir aos espectáculos deportivos en igualdade de condicións, pero non á práctica deportiva, dado que as carencias do edificio para poder adaptalo á accesibilidade universal (pistas, bancadas…) son moitas.

Actuarase seguindo a premisa: a mínima intervención no deseño de De la Sota. Darase acceso a todas as persoas ao pavillón; créanse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida e para persoas ostomizadas no soto; a instalación dun ascensor; e todos os novos elementos instálanse nunha única peza que se diferencia do resto do edificio polo seu aspecto dado que será unha caixa de de vidro.

No exterior reordénase todo o espazo central de acceso: suprímese a rampla central de acceso e amplíanse as outras que adaptan a súa pendente ao 8%. Tamén aparece un novo portelo na billeteira adaptado en altura.

No soto crearanse aseos adaptados para baleirado de bolsas intestinais. Na planta baixa accederase ao ascensor e tamén se instalará un aseo adaptado.

Na entreplanta é onde se fai a intervención máis importante. Alóngase as escaleiras de acceso ás oficinas; o ascensor sae no antepalco que cambia o chanzo por unha rampla. No palco hai unha segunda fila de bancos que se poden retirar para usarse con cadeira de rodas e, na primeira fila, tamén retirase un dos asentos para que poida ir unha cadeira de rodas; Substitúese a varanda frontal por outra de vidro para mellorar a visibilidade;  créase un novo aseo adaptados; e mellórase o antepalco que tamén serve de sala de agarda das oficinas do servizo de deportes do Concello.

Finalmente, á planta alta, chega o ascensor, alónganse as escaleiras dos palcos e cámbianse das varandas por outras de malla metálica. Péchanse por detrás as bancadas do palco con mamparas corrugábeis. Créase un antepalco con paredes de vidro.

O orzamento é de 231.000 euros.

Demetrio Gómez confía en salvar nestes meses a tramitación administrativa para que poidan empezar as obras cara final de ano. Os traballos non interferirán na práctica deportiva nesta instalación.