O Concello fai un seguimento do Lérez ante a situación de altas temperaturas e escasas chuvias

41

O Concello está a facer un seguimento semanal dende o pasado xuño da situación do servizo de abastecemento na cidade ante a situación de altas temperaturas e escasas chuvias, así como das previsións similares até o mes de setembro. O concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González visitou onte a estación de bombeo de Monte Porreiro xunto aos responsables da empresa concesionaria do servizo Viaqua para analizar a situación e fixar medidas de control, no caso de ser preciso.

Raimundo González explicou que Pontevedra estase a achegar ao pico de máis consumo de auga. Estase a subministrar arredor de 35.000 metros cúbicos/día, chegando a ser o dobre do consumo de Pontevedra.

Ante a situación de sequía, Pontillón do Castro estivo pechado todo o ano. Está de reserva e está ao 96% de capacidade.

A situación de 2017 é similar á de 2015 e mellor ca do 2013, o último ano no que se activaron medidas de control da auga na cidade.

Na actualidade a altura do río é de 2,49 metros, sendo en 2015- 2,50 e en 2013 – 2,38.

A achega media do río é de 0,37 hectómetros cúbicos, en 2015 era 0,39 hectómetros cúbicos, e 2013 foron 0,17 hectómetros cúbicos.

Raimundo González explicou que estase a facer un seguimento continuo do Estado do río. Non hai que adoptar restriccións por escasez de auga, pero si fixo un chamamento aos veciños para que empreguen a auga racionalmente e un control do consumo. As medidas excepcionais adoptaríanse, no caso de baixar considerablemente o caudal do Lérez que, en xeral, son reducir ou eliminar a captación de Ence, non regar xardíns e non baldear rúas.