Oserco executará a rede de abastecemento de auga nos Areás, Mourente

37

A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana a adxudicación á empresa Oserco a instalación da rede de abastecemento de auga potáble no lugar dos Areás, na parroquia de Mourente, unha área do rural moi poboada e situada entre Os Campos e Monte Porreiro.

A empresa adxudicataria ofreceu un prezo de 84.022,40 euros, ademais de presentar melloras como o incremento do grosor do asfalto en 1 centímetro e ampliar a rede de auga en 50 metros máis, en dirección a Monte Porreiro. O prezo de licitación da obra era de 104.753,74 euros e toda a actuación ten unha lonxitude de 700 metros. Estará montada con tubaxe de fundición dúctil e o prazo de execución é de 3 meses.

Como novidade, a instalación da rede suporá a substitución de todo o firme da rúa. É dicir, asfaltarase toda a a vía. Esta decisión estenderase a outras obras futuras do Concello: cando se fagan obras nunha vía de menos de catro metros de ancho, asfaltarase toda a rúa; e cando se trate dunha vía de dobre dirección está previsto o pavimentado de todo o carril de circulación.

É unha prioridade do departamento do Ciclo da auga ir completando a rede de abastecemento de auga potábel no perímetro do centro urbano, para continuar con outras zonas do rural. Ademais, o abastecemento dos Areás súmase á rede de auga potábel que se acaba de instalar na estrada xeral de Ourense, na parroquia de Mourente, aproveitando as obras de instalación de sumidoiros. Con estas dúas actuacións, a práctica totalidade dos núcleos da parroquia de Mourente disporían de auga potábel.