ILES VI, formación con itinerarios de inserción laboral

146
  • O programa de inserción no mundo do traballo, promovido polo Fondo Social Europeo, vai dirixido a mozos e mozas de 16 a 30 anos. Está previsto que chegue a 450 persoas
  • Impartirase e terá a base no Pazo da Cultura
  • Viticultura, enoloxía e cata, unha proposta novidosa e con demanda laboral

A Concellería de Promoción Económica porá en marcha o proxecto ILES VI- Concello de Pontevedra, oferta de formación con itinerarios de inserción laboral dirixido a mozos e mozas de 16 a 30 anos, en situación de desemprego e/ou con dificultades de incorporación ao mundo do traballo. Tamén procura darlle pulo a iniciativas de autoemprego.

A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, acompañada do director do ILES-VI, Francisco López, deu a coñecer o sexto programa ILES que se vai a desenvolver en Pontevedra e que chega con dúas importantes novidades: por unha banda combinarase a formación on line coa presencial e por outra, desenvolverase (agás a parte práctica que será en empresas) no Pazo da Cultura.

O proxecto ILES VI- Concello de Pontevedra, ten un orzamento de 451.174,98 euros. O Fondo Social Europeo concedeu, a través do MInisterio de Presidencia e para as Administracións Públicas, unha axuda de 412.103,68 euros e o resto vai a cargo do Concello. Está previsto que 450 persoas podan beneficiarse da formación do programa que se ten que desenvolver antes do 31 de decembro de 2018. A selección dos candidatos farase a partires de setembro. (Máis información na Casa da Luz).

“Levamos tempo dándolle unha volta ao LES porque pensamos que teñen que corresponderse as actividades de formación coas liñas estratéxicas que estamos seguindo dende a Concellería e non é un segredo que apostamos polos sector servizos” sinala a concelleira Anabel Gulías que pon tamén á énfase no feito de que o ILES “é unha ferramenta máis de Promoción Económica para profundar na empregabilidade e na inserción laboral”.

O ILES VI-Concello de Pontevedra oferta os seguintes cursos:

  • Atención socio sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (dúas edicións, on line)
  • Actividades auxiliares de almacén (dúas edicións, on line
  • Monitor/a de ocio activo e tempo libre (dúas edicións, presenciais)
  • Viticultura, enoloxía e cata (dúas edicións, presenciais)

Ademais o ILES VI inclúe os seguintes cursos de formalción complementaria:

  • Introdución ás TICs (50 horas, 5 cursos)
  • Medio Ambiente (5 horas, 8 cursos)
  • Igualdade de oportunidades (5 horas, 8 cursos)
  • Módulo de creación de empresas (50 horas, 2 cursos)
  • Carretilleiro (semi presencial)
  • Prevención de riscos laborais (on line)
  • Manipulador de alimentos (on line)
  • Inglés A1 (on line)
  • Inglés A2 (on line)

A formación do ILES-VI -teórica e práctica- é unha formación acreditada, ben co certificado de profesionalidade ou cun diploma de asistencia. Só farán as prácticas aqueles mozos e mozas que teñan superada a formación teórica.

COMPARTIR