Duplicarase o espazo de praia e lecer na xunqueira de Ponte Sampaio

180

 

 

  • Ampliarase o areal e a zona de baño, os espazos verdes e de xogo e crearase unha área deportiva que poda ter uso para actuaciòns
  • A remodelación afecta a 30.000 metros cadrados e suporá un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros
  • A adquisición dunha parcela de 11.000 metros cadrados abre a porta a construción dun novo campo de fútbol e ao derrube do actual

O Concello de Pontevedra duplicará o espazo público de praia e lecer na xunqueira de Ponte Sampaio, ampliando para o uso e goce das persoas un espazo natural de gran valor paisaxístico. O proxecto foi presentado polo concelleiro delegado da parroquia, Raimundo González quen subliñou o cambio de tendencia que supón a recuperación de espazos públicos para a veciñanza. Ademais enmarcou a intervención na estratexia do Goberno local de estender os estándares de calidade urbana ás parroquias.

  1. “É un proxecto moi potente” indicou o concelleiro Raimundo González xa que suporá a remodelación de arredor de 30.000 metros cadrados e un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros.

    O obxectivo da actuación municipal é ampliar a zona de praia do río Verdugo, ampliar os espazos verdes e de xogos infantís da zona e mesmo crear un pérgola deportiva con posíbel uso para actuacións e concertos, e ampliar o aparcamento. Para acadar este obxectivo hai que trasladar o actual campo de fútbol e completar a tramitación en marcha da solicitude de desafectación dos terreos a Costas.

    Raimundo González lembrou que estamos a falar dunha intervención que leva tempo xestándose e informou que xa se teñen dado pasos previos que viabilizan o proxecto. A adquisición dunha parcela de case 11.000 metros cadrados ao carón do actual campo de fútbol abre a porta ao traslado do equipamento deportivo. O Concello comprou ás dúas propietarias o terreo por 122.000 euros e xa contratou a elaboración do proxecto para a construción do futuro campo de herba sintética de Ponte Sampaio.

    O nova instalación financiarase a cargo do convenio Deputación-Concello para a construción de equipamentos deportivo, sinalou Gozález Carballo quen estima en 1,1 millóns de euros este proxecto, no que inclúe o derrube das instalacións do campo vello. A estimación do Concello é que o novo campo de fútbol de Ponte Sampaio sexa unha realidade para a tempada 2018-19. Neste caso as obras non levan a interrupción da práctica deportiva que se pode manter no actual campo ata que estea rematado o novo. De seguido acondicionarase todo o espazo baleirado.

    “A remodelación e ampliación deste espazo vai a supoñer un cambio substancial para a parroquia ao recuperar un amplo espazo para uso e goce dos veciños e veciñas” concluíu o concelleiro Raimundo González.

    Enlace proxecto Ponte Sampaio https://youtu.be/2aSKud-4hLk