O Ganapán, un proxecto modelo

153
  • O certame destaca 30 proxectos de todo o Estado que traballan modelos e experiencias “inclusivas, diversas e innovadoras”
  • Desde febreiro participaron máis de 1.200 escolares nas actividades e medio cento de grupos de centros educativos da cidade e contorna visitaron o mercado

O espazo infantil do Mercado, “O ganapán” vén de ser seleccionado polo Ministerio de Cultura como proxecto-modelo dentro do III Encontro de Cultura e Cidadanía, que se celebrará en Madrid os días 28 e 29 de setembro. A concelleira de Promoción Económica e Mercados, Anabel Gulías, participará no certame expoñendo a filosofía, experiencia e liñas de actuación do Ganapán, unha iniciativa municipal que busca dignificar e achegar ao público infantil os oficios do mar e da terra e incentivar nas crianzas o coñecemento e o consumo de produtos locais, frescos nun contexto de comercio de proximidade.

A finalidade do encontro é destacar o labor de iniciativas culturais innovadoras, diversas e inclusivas de todo o Estado. Nesta terceira edición do certame, que ten como lema “Acceso, acción”, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte seleccionou un total de 30 proxectos dos que “O ganapán” e a iniciativa “Achegando culturas” da Biblioteca Neira Vilas de Vigo, son os único proxectos impulsados por corporacións municipais.

O III Encontro Cultura e Ciudadanía tratará as diversas dimensiones que debería de implicar o exercicio da cultura, en termos de acceso e producción, cuestións como autonomía e democracia cultural, a revisión da dicotomía consumidor-produtor, e a necesidade dunha cultura realmente diversa e aberta a todos os públicos. Así, os proxectos seleccionados son modelos de cultura inclusiva, que ocupan o espazo público para crear novas experiencias que chegan a públicos diversos, abrindo pontes e canles de comunicación entre a cultura e a cidadanía.

Nese sentido, o ganapán leva desde o Nadal deste ano realizando actividades infantís, familiares e escolares que teñen como finalidade achegar ás crianzas á cultura dos oficios do mar e da terra, con encontros con mariñeiros, labregas, praceiras, redeiras, bateeiros, cociñeiras… oficios tradicionais que representan cultura inmaterial galega e que, para para Anabel Gulías, “é fundamental transmitir ese coñecemento ás crianzas, por en valor e dignificar a identidade cultural do país con saberes transmitidos ao longo dos séculos e que, hoxe en día, seguen sendo produtivos, actuais e necesarios”.

Desde o mes de febreiro deste ano, o ganapán organizou actividades no Mercado para máis de 1.200 escolares, con visitas de máis de 50 grupos de centros educativos do concello e contorna. Nas fins de semana, son as familias as que participan en diversos talleres de natureza, arte e gastronomía. Durante o verán, co nome de “Ganapán Gourmet”, este espazo infantil acolle obradoiros de gastronomía para os nenos e as nenas, nas que fan receitas, principalmentne con produtos frescos do Mercado, de diversos países de todo o mundo. As actividades desenvólvense todos os sábados, ás 12,00 horas

COMPARTIR