A reordenación municipal leva á Casa da Luz: Xuventude, Mercados e Educación

106
  • A sede municipal da praza da Verdura converteuse nun referente da actividade económica e social da cidade e agora profunda na súa vocación dinamizadora

A Casa da Luz remodela e acondiciona o último andar para acoller aos servizos de Xuventude (agora na Casa Azul), Mercados e Educación (hoxe no Teatro Principal). Ademais reordenará os espazos do primeiro andar de tal xeito que habilitaranse dúas salas de xuntas e desprazarase de sitio o despacho da concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías.

A incorporación dos novos servizos á Casa da Luz enmárcase na reestruturación e agrupamento dos servizos municipais que está en marcha mais tamén profunda na estratexia do departamento dirixido por Anabel Gulías de darlle uso a todo o edificio e convertelo nun centro referente do dinamismo da cidade, aberto a iniciativas económicas e sociais de todo tipo: obradoiros, exposicións, conferencias, debates, perfomance, presentacións de proxectos empresariais, etc.

Hoxe en día, a Casa da Luz é sede das áreas de Turismo, de Promoción Económica, da Film Comission e da Fundación Amigos da Galicia.

Como proba do dinamismo da Casa da Luz temos o balance de actividades desenvolvidas nas súas dependencias dende que Anabel Gulías está ao fronte da Concellería de Promoción Económica e da Cidade: 46 no ano 2015 (no segundo semestre), 132 no 2016 e 68 no que levamos de ano 2017. Un total de 246 actividades que conviviron coas áreas de traballo que teñen alí sede e máis coa atención ao público da oficina de Turismo.

Nas actividades desenvolvidas nas dependencias da Casa da Luz hai dende presentacións de proxectos empresariais – Pontevedra ten un puntazo- a conferencias e debates; de exposicións fotográficas, de banda deseñada e doutro tipo a presentacións de libros; de concertos e actos de lecer para nenos e nenas a obradoiros; de gravacións de entrevistas o produtos audiovisuais a entrega de premios; de recepcións oficiais a xuntanzas de xurados; de presentacións de eventos a castings de películas; de reunións de traballo de carácter técnico a xuntanzas temáticas,…

Facer da Casa da Luz un punto de encontro, un centro de referencia que amose a vitalidade económica e social da cidade, a creatividade e innovación do noso tecido empresarial o interese da xente pola cultura, un foro de convivencia e intercambio é un dos obxectivos sinalados pola concelleira de Promoción da Cidade e que, co balance do feito ata agora na mán, se está a acadar.

COMPARTIR